Doentes alertan de atrasos de ata oito meses en consultas de oncoloxía en Santiago

Dominio Público Praza Pública

Os tratamentos oncolóxicos son complexos, multidisciplinares e, sobre todo, prolongados no tempo. Así, os moitos doentes que superan a enfermidade non se desligan inmediatamente do sistema sanitario, senón que teñen que someterse a diversas revisións cada vez máis separadas no tempo entre si ata a alta definitiva. Así, por exemplo, pacientes que son revisados cada mes pasan a selo cada tres meses e despois cada seis ou cada ano, ata que o seu proceso se pecha. Son estas últimas revisións, as dos pasos finais do control, as que, segundo alertan doentes do Hospital Clínico de Santiago, están a sufrir demoras de ata oito meses ou, o que é o mesmo, están vendo máis que duplicado o prazo indicado inicialmente polo servizo de oncoloxía.

A denuncia vén de lanzala SOS Sanidade Pública e os sindicatos integrados nesta plataforma, e confírmana pacientes oncolóxicos do CHUS consultados por Praza.gal. "Fixeron unha especie de cribado" e "en vista da saturación", explica unha doente, demoran as revisións periódicas de "pacientes que están estables, pero aínda non dados de alta". Deste xeito, advirte, "se tiñas revisión cada seis meses, duplícanche o prazo", o que ademais da lóxica inquedanza na persoa que espera provoca que 'caduquen' probas xa realizadas, como radiografías, TAC ou análises de sangue que son avaliadas nesas revisións.

"Se tiñas revisión cada seis meses, duplícanche o prazo", explica unha paciente

"Estanse dando casos", advirte SOS Sanidade, en que pacientes "son chamados dende os servizos de admisión do CHUS para atrasar en máis de oito meses a cita para a revisión". "A algunhas persoas citadas para o mes de maio de 2016 estáselles a atrasar a cita para xaneiro de 2017", exemplifican. Cando as persoas afectadas pola demora "acoden ao servizo de atención ao doente, o que se lles comenta é que o atraso na revisión é debido á falta de oncólogos". "Faltan oncólogos e tamén falta espazo", explica en declaracións a este diario a voceira da Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía compostelán (AUSO-CHUS), Montse Recalde, que constata que esas carencias foron comunicadas "polo persoal" de Oncoloxía.

Demoras engadidas por un novo software

"Nos últimos catro ou cinco anos non se incorporou ningún especialista en oncoloxía médica no CHUS malia ao incremento do número de doentes", asegura SOS Sanidade, colectivo que ademais detecta un novo factor de "deterioro" na atención a estes doentes. Trátase, di, da "imposición aos profesionais dun programa informático chamado Silicon", destinado á "prescrición farmacéutica", mercado pola Consellería de Sanidade "a un laboratorio privado". Este software, resaltan, están "deseñado para o control de fármacos e para facilitar o traballo da farmacia hospitalaria, non para o persoal facultativo". Deste xeito, "o programa provoca un aumento do tempo" que cada doutora ou doutor "ten que dedicar á prescrición farmacéutica, xa que con el se incrementan os erros, en detrimento do tempo dedicado aos pacientes".

SOS Sanidade advirte de que o programa de xestión farmacéutica, adxudicado o pasado ano por máis de 470.000 euros, aumenta as demoras

O problema informático engadido non existiría, segundo SOS Sanidade, se o CHUS botase man do "programa de prescrición farmacéutica que xa existe no Sergas dende hai moitos anos, feito por persoal público" e "creado para facilitar o traballo do persoal facultativo e mellorar a atención ás persoas". "Agora -lamentan- na época das privatizacións masivas, Sanidade prioriza as privatizacións sobre as persoas enfermas". A xestión da integración deste programa no Sergas foille encomendada en outubro de 2015 á multinacional Grifols Movaco por algo máis de 470.000 euros por un período de dous anos.

A xerencia asegura descoñecer as reprogramacións e garante tratamento axeitado a cada caso

Mentres SOS Sanidade esixe "a retirada inmediata deste programa" e "o incremento do persoal facultativo especialista en oncoloxía na mesma proporción que se incrementaron os doentes", a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago asegura non ter coñecemento da reprogramación de consultas e afirma que cada caso será tratado da maneira axeitada. "Se non teñen coñecemento, ou ben non están facendo o seu traballo ou llelo ocultan dende Oncoloxía", sinala a voceira de AUSO, que desbota a segunda posibilidade, toda vez que as axendas son "cuestións administrativas" que transcenden o propio servizo no que se trata o cancro.

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.