Dous anos de Praza: xornalismo na rede... E agora tamén nos libros

Asistentes á festa do 2º aniversario de Praza Pública CC-BY Praza Pública

Praza Pública celebrou este pasado xoves en Santiago de Compostela o seu segundo aniversario. Fíxoo n'A Nave de Vidán, acompañado de lectores, colaboradores, xornalistas e socios dun proxecto que vén de cumprir 24 meses grazas aos que todos os días ledes as nosas informacións na web.

A celebración do segundo aniversario de Praza serviu tamén para presentar a colección de libros Praza & Meubook

Coincidindo con este segundo aniversario, Praza Pública aproveitou para presentar dous dos primeiros títulos dos Libros de Praza & Meubook, unha iniciativa conxunta do xornal e do selo editorial para publicar anualmente unha ducia de obras de contido xornalístico. Co obxectivo de estimular a escrita xornalística alén dos xornais, das revistas e das pantallas, a colección estará composta por libros de pequeno formato e prezo reducido, no que profesionais da información abordarán temáticas sociais, culturais e políticas dende os diversos xéneros xornalísticos.

Son Angrois. O AVE en anacos, de David Reinero, e Dajla. Apuntes desde o Sáhara, de Héctor Juanatey, os dous primeiros libros desta serie. Os seus autores presentaron as súas obras, que foron tamén adquiridas por numerosos dos presentes na festa do segundo aniversario. Reinero fixo un repaso sobre o proceso de elaboración do que definiu como un "relato xornalístico divulgativo e analítico" e "non un tratado de enxeñería ferroviaria" sobre un sinistro que cre que "puido evitarse de varias maneiras". Esta crónica fai un repaso sobre a traxedia, as súas causas e antecedentes, pero tamén sobre a situación da alta velocidade en Galicia, todo cunha escrita que permite coñecer de xeito ameno unha realidade -a das infraestruturas- da que o periodista é un dos maiores coñecedores no país, tal e como lembrou David Lombao, director de Praza.com e que foi o encargado de presentar o título.

David Reinero presentou a súa obra sobre o accidente de Angrois e Héctor Juanatey a súa crónica sobre a súa estadía no Sáhara

O colaborador de Praza, escritor e xornalista Alberto Ramos foi, pola súau banda, o encargado de presentar a obra de Héctor Juanatey, unha crónica sobre a viaxe que o pasado outubro fixo o periodista ao Sahara para cubrir informativamente a celebración de Festival Internacional de Cine que alí se celebra e que puido facer grazas a unha campaña de crowdfunding. Ademais, a obra analiza en case 80 páxinas as experiencias vividas no deserto e que serven tamén para introducirse na problemática dun conflito que dura décadas e que segue mantendo todo un pobo no exilio forzado e en ausencia de liberdade. O autor aproveitou tamén para reivindicar o xornalismo e a necesidade de ser testemuña directa do que se conta. "Aproveito que non estou nunha redacción para ir aos sitios aos que antes non podía ir", lembra o periodista freelance que, como David Reinero, agradeceu a Praza e a Meubook a súa aposta polo xornalismo con esta colección de libros.

Estiveron tamén presentes na presentación Manuel M. Barreiro, presidente do Padroado de Praza Pública, así como unha representante de Meubook, que reivindicou tamén a necesidade de dar un soporte físico a todas as boas cousas que hai que contar no xornalismo galego.

Cristina Huete, Anxo Lugilde, Montse Dopico, Santiago Jaureguizar, Miguel Pardo ou Marga Tojo son algúns dos e das xornalistas que tamén fan parte desta iniciativa de Praza e Meubook, que nos vindeiros meses abordará temas como o poder caciquil na provincia de Ourense ou analizará a conxunción de éxitos deportivos e deleiba empresarial e económica que caracterizou a xestión de Augusto César Lendoiro á fronte do Deportivo da Coruña.

Estes libros, que son tamén unha aposta por facer xornalismo en galego como unha achega para consolidar un espazo de comunicación propio no país, poderanse adquirir en librarías e a través da web de Meubook. O seu prezo será de 4,90 euros, coa posibilidade de facerse cun paquete de 4 volumes por 14 euros. As persoas socias ou doadoras de Praza Pública poderán adquirir cada libro por 3,90 euros.

Xa a partir das nove da noite deu comezo unha pequena festa, na que participaron sobre un cento de persoas, e nas que tras os breves discursos deuse paso ás conversas entre os asistentes: xornalistas, colaboradores, lectores, amigos e amigas todas ás que agradecemos que compartisen con nós un dia moi especial. Habémonos ver, logo, o ano que vén, celebrando o terceiro aniversario. Quedades emprazadas.

Asistentes á festa do 2º aniversario de Praza Pública CC-BY Praza Pública
Presentación dos libros da colección Praza & Meubook CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.