Down Galicia faise co premio Educaweb

Entrega do premio Educaweb © Educaweb

Down Galicia, a través da súa coordinadora de programas, vén de gañar o primeiro premio da V Edición dos Premios Educaweb, na categoría de proxectos presentados por profesionais individualmente, coa Guía de orientación académica e profesional para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual. Unha guía que vai orientada a todas aquelas persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, así como aos profesionais que os deban apoiar e asesorar no seu proceso de elección, tanto nos itinerarios académicos para continuar no sistema educativo como na inserción laboral e profesional daqueles que dean por terminada a súa formación.

Down Galicia elaborou un instrumento que pretende, alén de axudar a persoas con discapacidade e as súas familias, apoiar os profesionais

A importancia desta guía reside no feito de que a integración académico-formativa e laboral das persoas con discapacidade nos recursos comunitarios, hoxe en día segue supoñendo un reto para a sociedade. Hai que ter en conta que ata fai uns anos, as persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual en xeral, se mantiveron á marxe de toda actividade laboral e formativa ordinaria e, por extensión, de outros moitos ámbitos da sociedade. A súa falta de formación especifica, ausencia de expectativas laborais e descoñecemento de outras realidades, impedía que estas persoas se integraran plenamente no entorno do que forman parte. Ante estas carencias, Down Galicia elaborou un instrumento que pretende, alén de axudar a persoas con discapacidade e as súas familias, apoiar os profesionais implicados na orientación na súa tarefa fundamental de informar e asesorar ás personas sobre as diferentes opcións no momento de elixir o camiño máis axeitado para o seu desenvolvemento persoal, académico e profesional.

A finalidade dos premios Educaweb é potenciar a orientación académica e profesional dando a coñecer aquelas experiencias e materiais máis innovadores relacionados con este ámbito, para o que contan co apoio da Confederación de Organizaciones de Psicopedagogía y Orientación de España e da Asociación Internacional para la Orientación Educativa y Profesional. Nesta edición presentáronse un total de 42 proxectos, e Galicia foi a terceira comunidade autónoma con máis proxectos presentados por detrás de Catalunya e Madrid.

Entrega do premio Educaweb © Educaweb

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.