Dúas de cada tres persoas de entre 18 e 35 anos viven aínda na casa familiar

Evolución da porcentaxe de mozos e mozas galegas entre 18 e 35 anos que viven aínda cos seus pais e nais Dominio Público Praza Pública

Case dous de cada tres mozos e mozas entre 18 e 35 anos que residen en Galicia viven aínda na casa dos seus pais e nais, segundo revelan os datos da Enquisa Estrutural a Fogares, publicada polo IGE. A porcentaxe, case un 64%, creceu máis de catro puntos dende o 59% que representaba no ano 2007, antes do inicio da crise económica. Entre os 18 e 24 anos, a proporción de mozos e mozas emancipadas é moi pequena, menos dun 8% (fronte ao 13% de hai unha década). Entre os 25 e os 34 anos descendeu do 55% ao 52% neste tempo.

O número de homes novos que residen aínda na casa familiar é moi superior ao das mulleres: un 69% fronte ao 58%

Dous datos chaman igualmente a atención. Por unha banda, o número de homes novos que residen aínda na casa familiar é moi superior ao das mulleres: un 69% fronte ao 58%. A diferenza, que é pequena entre as persoas de 18 a 24 anos, crece na franxa de idade seguinte -de 25 a 34-, cun 56% de mozos non emancipados fronte ao 41% de mozas.

A taxa de risco de pobreza dos galegos e galegas entre 18 e 35 anos disparouse, tanto se viven cos seus pais coma se residen noutro tipo de fogar, pasando do 10,4% ao 17,7%

Pola outra, a estatística publicada polo IGE amosa que hai dez anos a metade dos mozos e mozas que vivían cos seus pais e nais (50,44%) traballaba durante todo o ano, mentres que hoxe é menos do trinta por cento (29,4%). De igual xeito, en 2007 o 46% dos mozos e mozas non emancipados ingresaba cando menos 600 euros mensuais (e un 22% gañaba máis de mil), mentres que hoxe só o 27% ingresa 600 euros ou máis (e só un 12% máis de mil). Estes datos semellan reflectir que hoxe en día a situación económica se converteu nun factor máis importante á hora de impedir a saída dos mozos e mozas da casa familiar, mentres que hai dez anos parecían entrar en xogo en maior medida outros elementos.

Esta situación prodúcese nun contexto de elevado desemprego entre as xeracións máis novas e, sobre todo, dunha gran precariedade, con contratos de curta duración e salarios moi baixos. Nos últimos anos descendeu a porcentaxe de empregos a xornada completa para as persoas entre 16 e 29 anos; eran o 81% en 2010 e hoxe son o 74%. Precarízanse tamén as modalidade contractuais: a porcentaxe de contratos de duración indefinida pasou do 50% ao 39% entre 2010 e 2017. Entre outros efectos, isto vén motivando a emigración de milleiros de mozos e mozas a outros territorios do Estado (nos últimos tres anos Galicia viu marchar ao resto de España a case sete mil menores de 45 anos máis dos que chegaron ou regresaron) e tamén ao estranxeiro. Na última década, ademais, a taxa de risco de pobreza dos galegos e galegas entre 18 e 35 anos disparouse, tanto se viven cos seus pais coma se residen noutro tipo de fogar, pasando do 10,4% ao 17,7%.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.