É inxusto o céntimo sanitario?

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

Xosé Veiras reflexiona en Un claro no bosque, o blog de Praza sobre ecoloxismo social e biodiversidade, sobre o tramo autonómico do imposto especial sobre hidrocarburos, que destaca como "imposto ecolóxico" ao incentivar "un uso menor e máis eficiente dos vehículos privados"

A elevación do tramo autonómico do imposto especial sobre hidrocarburos, máis coñecido como o céntimo sanitario, suscitou unha oposición frontal por parte da esquerda partidaria e social. Cualifícase como unha medida fiscal inxusta. Ao se tratar dun tributo indirecto, o céntimo sanitario afecta máis, proporcionalmente, a quen menos renda teñen (e posúan coche, claro). Mais, é unha medida realmente tan inxusta?

O aínda excesivo investimento na ampliación da rede de estradas, ou o gasto destinado ao pagamento de peaxes na sombra e á bonificación de peaxes en autoestradas e autovías, dan boa conta do importante apoio autonómico ao uso masivo do coche

A Xunta decidiu subir todo o que pode o céntimo sanitario, até 4,8 céntimos por litro de combustíbel, cunha finalidade puramente recadatoria, sen a menor pretensión ecolóxica. Mais, obxectivamente, o céntimo sanitario é un imposto de carácter ecolóxico. Dado que aumenta o prezo da gasolina e do gasóleo usados no transporte por estrada, incentiva, en certa medida, un uso menor e máis eficiente dos vehículos privados. Non é obviamente o que busca o Goberno de Feijóo. A Xunta, alén de facer moito menos do posíbel e necesario para potenciar o transporte colectivo (e non digamos xa o uso da bicicleta), segue empeñada en promover o transporte privado por estrada. O aínda excesivo investimento na ampliación da rede de estradas, ou o gasto destinado ao pagamento de peaxes na sombra e á bonificación de peaxes en autoestradas e autovías, dan boa conta do importante apoio autonómico ao uso masivo do coche. A financiar peaxes destinará este ano a Xunta nada menos que 68 millóns de euros, 15 millóns máis que a recadación anual prevista pola suba do céntimo sanitario. O Goberno galego, cando desincentiva o uso do coche ou do camión, faino timidamente e mesmo sen o querer.

 

Fiscalidade ecolóxica para reducir o sobreconsumo de petróleo

Só a crise económica ten freado o crecemento desbocado do consumo de derivados de petróleo no transporte en Galicia

Só a crise económica ten freado o crecemento desbocado do consumo de derivados de petróleo no transporte en Galicia. Malia o descenso rexistrado nos últimos anos, o consumo segue a ser moi alto, semellante ao dos anos previos á crise, como podemos comprobar na seguinte gráfica, que reflite o consumo de gasóleo de automoción no noso país desde mediados dos anos noventa até a actualidade. Un consumo ao que vai asociada unha enorme carga de deterioración socioambiental, grande parte da cal se proxecta no espazo (por exemplo, a destrución do medio nos lugares de extracción do petróleo) e no tempo (é o caso dos efectos da achega a unha mudanza climática catastrófica que sufrirían sobre todo as xeracións actuais máis novas e as futuras).

A fiscalidade ecolóxica é un dos instrumentos necesarios para transformarmos un modelo de transporte devorador de petróleo e xerador de inxustiza ambiental

A fiscalidade ecolóxica é un dos instrumentos necesarios para transformarmos un modelo de transporte devorador de petróleo e xerador de inxustiza ambiental. Os economistas Alberto Gago e Xabier Lavandeira, profesores da Universidade de Vigo, escribían en 2006 que “o Goberno galego debería elevar os gravames sobre os produtos enerxéticos para controlar as importantes externalidades negativas asociadas ao seu consumo”. Neste sentido, achaban “que a Xunta debería aumentar as taxas do imposto sobre vendas polo miúdo de hidrocarburos ata o máximo permitido por lei para todos os combustibles fósiles gravados” (o que se designa como céntimo sanitario). A Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, consciente de que o transporte é un “punto crítico” onde unha sociedade como a nosa é máis vulnerábel ao teito do petróleo, propón, entre moitas outras medidas, “penalizar e desincentivar o uso do transporte privado (coche)”. Sen se refirir nin ao céntimo sanitario nin a ningún outro imposto en concreto, si propugna “procurar mecanismos que sirvan para incorporar os custos actualmente agachados do transporte (contaminación, efectos negativos sobre a saúde, esgotamento do petróleo, etc.) ao seu prezo, especialmente do privado, na medida en que isto estea na man da Xunta”.

 

A contaminación do tráfico é un problema de saúde pública

A atención dos danos á saúde causados pola excesiva dependencia do automóbil comporta un importante gasto sanitario. Sería bo que a Xunta encargase un estudo para estimar a súa contía na nosa terra

A ligazón entre este imposto e o financiamento da sanidade non é, ou non debería ser, casual. Entre os moitos impactos socioambientais negativos do consumo excesivo de derivados do petróleo no sector do transporte está a deterioración da saúde humana pola sinistralidade e pola contaminación atmosférica e acústica. Un custo soportado por todos e todas, nomeadamente por nenos e nenas, maiores e enfermos crónicos, indepedentemente de se usamos ou non o coche e de cómo o usamos. A atención dos danos á saúde causados pola excesiva dependencia do automóbil comporta un importante gasto sanitario. Sería bo que a Xunta encargase un estudo para estimar a súa contía na nosa terra.

Un aspecto da suba do céntimo sanitario a ter en conta é a equiparación do imposto entre a gasolina e o gasóleo. A diferenza existente até hoxe, que favorecía o gasóleo, carecía de sentido ambiental. O gasóleo tense revelado como o máis prexudicial para a saúde humana. Os vehículos diesel son os principais responsábeis da contaminación por partículas inferiores a 2,5 micras, o contaminante atmosférico máis problemático nas zonas urbanas. Os aínda escasos datos sobre a súa concentración no aire das cidades e vilas galegas indican unha superación xeralizada do limiar máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (aínda que os expertos sinalan que calquera exposición é nociva, que non hai concentracións seguras).

Se a recadación do céntimo sanitario se destina de verdade ao financiamento da sanidade pública, non será desde logo unha das peores accións dun goberno neoliberal

A suba do céntimo sanitario decretada pola Xunta non se enmarca nunha reforma fiscal ecolóxica e pode ser vista como outra medida máis que afonda nun sistema fiscal inxusto como o actual, no que pagan máis quen menos teñen. Porén, é defendíbel desde criterios ecosociais, e seríao moito máis noutro contexto radicalmente diferente, de políticas fiscais e de transporte que fosen, simultaneamente, socialmente xustas -tamén en termos interxeracionais e globais- e ecoloxicamente sustentábeis. Políticas, hai que dicilo, polas que hoxe moi pouca xente aposta seriamente, tamén desde a esquerda.

Se a recadación do céntimo sanitario se destina de verdade ao financiamento da sanidade pública, non será desde logo unha das peores accións dun goberno neoliberal que, cando decide sobre a sanidade pública, adoita ser para avanzar no seu desmantelamento e privatización.

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.