É primavera, imos de feira!

Cartaz da Feira da Primavera CC-BY-SA FBSP

Ata o tempo axuda. Despois de semanas de retorno á inestabilidade meteorolóxica e ás temperaturas que convidan a quedar na casa o país vai pasar esta fin de semana cos ceos maioritariamente despexados e as temperaturas ben agradables. Este será o pano de fondo este sábado para unha nova edición da Feira da Primavera, o evento nacido como unha iniciativa para dinamizar o comercio do compostelán barrio de San Pedro e que agora, coa Comisión de Festas e a asociación veciñal A Xuntanza á fronte, é xa unha referencia na capital de Galicia.

"Non é unha festa, é unha feira" pero no barrio "xa hai ambiente de festa", recoñece a presidenta d'A Xuntanza, Mercedes Vázquez, quen explica que a dinamización do tecido comercial e hostaleiro do barrio vai na man nesta feita da "convivencia veciñal". "No fondo segue sendo un evento moi comercial", non en van ao longo de toda a feira hai postos de artesanía ou stands montados polas tendas do propio barrio. Pero a feira vai máis alá e tamén serve de escaparate para múltiples asociacións, colectivos e iniciativas cidadás.

O programa de actividades está pensado para que quen se achegue este sábado a San Pedro non vaia ás présas, senón que poida quedar todo o día se así o desexa. Unha alborada, a construción dun maio, unha visita guiada ao Museo do Pobo Galego, pasarrúas, circo, arqueoloxía para nenas e nenos, dous concertos, unha foliada e unha sesión de picadiscos animarán ao longo de toda a xornada unha feira que, din dende a comisión, non sería posible sen "a colaboración dos veciños e veciñas, dos comerciantes e das moreas de voluntarios e voluntarias que están a traballar para que isto sexa posible.

Praza Pública, na feira

Entre as entidades que participan nesta Feira da Primavera está a Fundación Praza Pública, que contará cun posto propio ao longo de todo o día. As persoas que se acheguen poderán sumarse ás persoas que colaboran no sostemento deste xornal, xa sexa mediante unha achega puntual ou periódica ou adquirindo unha das camisolas da Fundación. Tamén estarán dispoñibles para a súa compra os dous primeiros libros da colección Libros de Praza&Meubook, Angrois, o AVE en anacos, de David Reinero e Dajla, apuntes desde o Sáhara, de Héctor Juanatey.

Praza trazará dende a feira un retrato xornalístico do tecido asociativo que participa nela

A presenza de Praza Pública na feira servirá tamén para trazar, dende o propio diario, un retrato do tecido asociativo que participa na feira e das entidades que se integran no mesmo. Así, ao longo do día o xornal recollerá os testemuños destas organizacións e ofrecerá pezas informativas sobre a súa actividade, as súas reivindicacións e obxectivos e tamén verbo da propia feira.

Cartaz da Feira da Primavera CC-BY-SA FBSP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.