É que ninguén pensa nos nenos e nenas?

A ponte da rúa Castelao, que vai ser cortada polas obras © Google

Unha das pontes de Sarria (a da rúa Castelao) permanece cortada dende hoxe, por obras, dentro das actuacións de encanamento do río, que nos últimos meses foron noticia, polos seus efectos no Malecón do centro da vila, no bosque de ribeira e sobre algunhas pontes de importancia patrimonial. Non é este o caso. A noticia, desta volta, ten que ver cunha denuncia efectuada polo pai dunha das alumnas do colexio Frei Luis de Granada, cuxo horario escolar se ve afectado dende hoxe polas devanditas obras, cambiando o horario de xornada partida a xornada única, unha medida que en principio durará até xaneiro.

Este pai denuncia que tiveron noticia do cambio de xornada a través das breves notas publicadas nos medios de comunicación local, sen que dende o centro ou dende a Consellaría de Educación se realizase ningún tipo de comunicación. Non foi até o mesmo xoves pola tardecando os nenos e nenas regresaron ás súas casas coa notificación de que ao día seguinte o horario sería outro. "Os afectados parece ser que merecemos menos información que os medios", destaca este pai.

Denuncia que semella "prioritario que unha empresa comece de inmediato unas obras, ata fai pouco paralizadas xudicialmente, ao benestar e execución das actividades educativas dos nosos nenos e nenas"

Non é este o único motivo da súa denuncia. Vai ao fondo da cuestión e pregúntase polos "valores que defenden a Consellería de Cultura. Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Sarria". Denuncia que semella "prioritario que unha empresa comece de inmediato unas obras, ata fai pouco paralizadas xudicialmente, ao benestar e execución das actividades educativas dos nosos nenos e nenas" e que estas administracións "non dubidan en cambiar a case 400 familias as súas rutinas en prol dunha empresa privada, que fai traballos para a Administración Pública", desbotando calquera alternativa, por exemplo un adiamento no inicio das obras, "cando menos 15 días de pura cortesía para que o cambio sexa o menos traumático posible para as familias e profesorado e poidan organizarse para adecuarse a este cambio imposto".

Comenta, así mesmo, o paradoxo de que durante anos a comunidade educativa do centro "estivo a intentar consolidar unha xornada única, cousa que foi sempre rexeitada dende a propia Consellería", e que "agora nun breve espazo de tempo solucionan todos aqueles problemas que atopaban con anterioridade". "Sorprende tanta efectividade nestes casos", engade.

"Lembremos, os nenos adáptanse a calquera cousa… Pero eles non votan", conclúe

Finalmente, este pai critica que "logo de todo o apoio que os gobernantes de Sarria levan feito por estas obras" non sexan quen "de retrasalas tan só uns días, dende a comunicación as familias do cambio a facerse efectivo". "Lembremos, os nenos adáptanse a calquera cousa… Pero eles non votan", conclúe.

A ponte da rúa Castelao, que vai ser cortada polas obras © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.