Ecoar chama os movementos sociais de Vigo a organizarse

Ecoar preséntase o vindeiro xoves no Teatro Ensalle de Vigo Dominio Público Ecoar

ECOAR (Espazo de Contradiscurso, Coordinación e Construción de Alternativas e Resposta Social) é unha plataforma cidadá onde conflúen diferentes persoas e colectivos de Vigo e a comarca, formada por axentes pertencentes a distintos movementos sociais cun perfil diverso. Ecoar preséntase o xoves 21 de marzo no Teatro Ensalle a partir das oito e media da tarde. A plataforma busca "ser unha ferramenta a través da cal os colectivos e persoas se coordinen e acheguen á contorna social as súas virtudes". 

Ecoar defínese como un "espazo asindical, apartidario e aconfesional" que se centra na creación de discurso e contradiscurso; a iniciación, apoio e defensa de proxectos, plataformas e colectivos de dinamización e crítica social; a dinamización do entorno través de accións e iniciativa participativo-reflexivas e críticas; o seguimento e creación de iniciativas e redes que repercutan nas diferentes mobilizacións e impulsos sociais locais, nacionais e internacionais; e a potenciación e defensa das minorías.

No seu manifesto denuncian que "os gobernos reveláronse como instrumentos do que chaman os mercados, que en realidade son grandes empresas transnacionais e financeiras con nome e apelidos" e rexeitan "o engano que fan sobre a cidadanía, presentando como única saída posible da crise os recortes sociais, a través da perda de dereitos e liberdades". Afirman que "as mobilizacións que se estenderon por todo o planeta a partir da primavera do 2011 foron un revulsivo social ante a situación imposta e un movemento esperanzador que non debemos esquecer nin deixar desaparecer" e chaman "a converxer a persoas e colectivos sociais para poñer en marcha unha resposta unitaria e solidaria á crise capitalista".

A metodoloxía do activismo na plataforma baséase en catro principiosFlexibilidade (cada activista debe facer a achega que considere necesaria), Motivación (cada activista decide que é no que quere participar), Especialización (Cada activista sabe que é o mellor que pode achegar ao resto) e Compromiso (O funcionamento dun grupo humano depende de cada unha das pezas que a conforman. O compromiso na realización dunha tarefa implica a realización da mesma sempre, facendo que o resto de activistas sintan seguridade á hora de realizar cada unha das súas tarefas).

Ecoar preséntase o vindeiro xoves no Teatro Ensalle de Vigo Dominio Público Ecoar
Acción de Ecoar © Ecoar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.