A pasada semana o Consello da Xunta aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Estado de alarma. O Goberno galego xustificou a medida na necesidade de "contribuír á recuperación progresiva da actividade económica e a mitigar o impacto da crise do coronavirus". A orde, publicada no DOG deste luns 4 de maio, leva a que comecen a correr os prazos de exposición pública destes proxectos industriais.
A pasada semana o Consello da Xunta aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Estado de alarma
A declaración do estado de alarma implicou que quedasen en suspenso con carácter xeral os termos e os prazos dos trámites administrativos das entidades do sector público. Porén, a Xunta defende que se permite "a continuación motivada de certos procedementos indispensables para protexer o interese xeral ou o funcionamento básico dos servizos". A reactivación da tramitación administrativa en materia ambiental beneficia a expedientes de outorgamento ou revisión de autorizacións ambientais integradas, a diferentes trámites de avaliación ambiental, a autorizacións e verificacións en materia de comercio de dereitos de emisión e a procedementos de xestión de residuos.
Entre os proxectos beneficiados pola medida hai vertedoiros, plantas de xestión de residuos, proxectos de parques eólicos e subestacións eléctricas, liñas de alta tensión, subliñan os denunciantes
Máis de 30 asociacións ambientalistas e colectivos sociais de toda Galicia veñen de asinar un escrito contra esta medida, denunciando que "a Xunta tenta aproveitar o estado de alarma para sacar adiante mil proxectos industriais especialmente controvertidos nun momento no que a cidadanía non ten garantidos os seus dereitos".
As entidades, entre as que se atopan ADEGA, Verdegaia, Greenpeace, SLG ou a Federación Ecoloxista Galega, mais tamén colectivos locais e comarcais de todo o país, sinalan que entre os proxectos beneficiados pola medida hai "vertedoiros, plantas de xestión de residuos, proxectos de parques eólicos e subestacións eléctricas, liñas de alta tensión e factorías que emiten gases de efecto invernadoiro". Afirman que "detrás destes proxectos están medianas e grandes empresas (moitas veces foráneas) que pretenden facer un gran negocio cos recursos da nosa terra e que actúan unicamente en beneficio propio sen ter en conta as persoas e as contornas afectadas".
"Núñez Feijóo trata descaradamente de deixarnos aos galegos e galegas en situación de indefensión e dificulta, aínda máis, a participación da cidadanía nos procedementos administrativos", denuncian
Os colectivos asinantes subliñan que se trata "de proxectos especialmente sensibles e controvertidos que xeran un gran rexeitamento social" e que no actual estado de alarma vese dificultado o labor de fiscalización e control que a sociedade civil e a veciñanza afectada pode facer destes proxectos, ao non poder levarse a cabo con normalidade xuntanzas, asembleas e actos informativos, ou pola imposibilidade de desprazarse libremente polo territorio. Nestas condicións "afrontar un informe de impacto ambiental destes proxectos en colectivos veciñais e en condicións para contrastar toda a información, vírase imposible", sinala o comunicado.
"Alberto Núñez Feijóo trata descaradamente de deixarnos aos galegos e galegas en situación de indefensión e dificulta, aínda máis, a participación da cidadanía nos procedementos administrativos, para beneficio e lucro destas empresas privadas", denuncian as entidades asinantes, que esixen que a Xunta dea marcha atrás na medida aprobada.
O Goberno galego defende que se trata de proxectos "esenciais" e que a medida busca evitar que "a súa paralización supoña unha traba adicional" para a reactivación económica
O Goberno galego defende que se trata de proxectos "esenciais" que teñen en común "o seu marcado interese público". O Executivo destaca a necesidade de continuar coa tramitación destes expedientes "co fin de evitar que a súa paralización supoña unha traba adicional nun momento en que o tecido económico e industrial galego se enfronta a unha difícil situación e certas actividades se teñen visto obrigadas a parar temporalmente".
Pola contra, os colectivos subliñan que a reactivación dos prazos administrativos destes proxectos non entra dentro das excepcións previstas polo decreto que regula o estado de alarma.