Ecomarcha ciclista de Pontevedra a Lugo: 15 días para denunciar as agresións ecolóxicas en Galicia

Participantes nunha edición anterior da Ecomarcha ciclista © Ecoloxistas en Acción

A marcha comeza este sábado en Pontevedra cun acto de presentación no que participarán Asociación Pola Defensa da Ría e de Touradas Fóra de Pontevedra e unha posterior manifestación ciclista desde a praza da Ferrería ata a factoría de Ence, pasando pola praza de Touros

Este sábado 9 de xullo comeza en Pontevedra a Ecomarcha ciclista impulsada por Ecoloxistas en Acción, que recorrerá Galicia ata o 24 de xullo, en que rematará na cidade de Lugo. Serán 15 días nos que 200 persoas irán percorrendo lugares ambientalmente agredidos para apoiar os colectivos veciñais que loitan "pola súa recuperación e o cese do desastre ecolóxico". Así en Pontevedra a marcha sumarase a demanda social de “ENCE fóra da Ría” e contra a organización de touradas, e pasará polas minas de San Finx, en Lousame, ou polas zonas máis afectadas polo Prestige, 20 anos despois do desastre.

Ecoloxistas en Acción vén organizando esta Ecomarcha dende o 2010 en distintos territorios do Estado, pero ata agora esta non tivera lugar en Galicia. Ademais, esta edición 2022 supón o regreso da iniciativa, despois de dous anos de ausencia obrigada pola pandemia de COVID. 

Percorrido da edición 2022 da Ecomarcha © Ecoloxistas en Acción

O inicio da marcha terá lugar ás sete da tarde cun acto de presentación no auditorio do edificio de sindicatos na rúa Pasantería. No acto participarán integrantes da Asociación Pola Defensa da Ría e de Touradas Fóra de Pontevedra e ao seu remate realizarase unha manifestación ciclista desde a praza da Ferrería ata a factoría de Ence, pasando pola praza de Touros de Pontevedra.

 

Primeira etapa: de Poio a Cerdedo-Cotobade

O sábado as persoas que participan na Ecomarcha farán noite no concello de Poio para o domingo 10 realizar o primeiro roteiro por estrada ata Cerdedo-Cotobade

O sábado as persoas que participan na Ecomarcha farán noite no concello de Poio para o domingo 10 realizar o primeiro roteiro por estrada ata Cerdedo-Cotobade. Nesa localidade serán recibidos polas plataformas Alarma Terra de Montes para amosar o impacto ambiental que pode provocar o gran número de proxectos eólicos concentrados nesta comarca, denunciando que "a construción de centos de aeroxeradores, liñas de alta tensión e pistas de acceso destruirá uns ecosistemas de valor incalculable, ademais de acentuar o problema do despoboamento do rural".

En Cerdedo-Cotobade farase fincapé no impacto ambiental que pode provocar o gran número de proxectos eólicos concentrados nesta comarca e nos perigos derivados da "minaría extractiva especuladora"

En Cerdedo-Cotobade tamén se fará fincapé nos perigos derivados da "minaría extractiva especuladora". Neste senso a asociación SOS Suído-Seixo denuncia que Recursos Minerales de Galicia S.L., filial do grupo SAMCA, "é impulsora e promotora en activo do proxecto de minaría de litio das serras do Suído e do Cando, Alberta I", que afectaba aos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, Cerdedo e A Lama, "e que segue ameazando coa súa presenza no territorio a pesar de no mes de marzo anunciar o seu desestimento do recurso contencioso-administrativo contra o arquivo do proxecto", engade.

De camiño a Cerdedo-Cotobade, a Ecomarcha realizará unha parada en Rebordelo, onde se proxecta o Parque Eólico Dos Cotos que ameaza o Couto da Eirexiña. Este proxecto de custodia do territorio -o de maior extensión na provincia de Pontevedra- traballa pola conservación de diferentes hábitats prioritarios presentes na zona.

Cartel da edición 2022 da Ecomarcha © Ecoloxistas en Acción

O resto de etapas

Nas minas de San Finx, en Lousame, denunciarase a ameaza desta explotación, "cuxa reactivación pon en perigo a Rede Natura da contorna e a toda unha ría enteira, Muros-Noia"

O luns 11 a Ecomarcha partirá de Cerdedo-Cotobade en dirección a Padrón, para chegar ao día seguinte a Outes. Nas minas de San Finx, en Lousame, as ecolociclistas serán testemuñas da grave ameaza desta explotación mineira, "cuxa reactivación pon en perigo a Rede Natura da contorna, a toda unha ría enteira, Muros-Noia, e ao modo de vida tradicional de centos de familias mariscadoras e mariñeiras", destaca Ecoloxistas en Acción. 

O roteiro continuará por Compostela, Santa Comba e Camariñas. O paso da marcha por Camariñas coincidirá coa tradicional festividade mariñeira do Carme, o 16 de xullo. Aproveitando esta data, a marcha lembrará alí a catástrofe ambiental provocada polo Prestige, "escoitando aos que sufriron de preto o desastre que tivo lugar hai 20 anos".

O paso da marcha por Camariñas coincidirá coa festividade mariñeira do Carme. A marcha lembrará alí a catástrofe ambiental provocada polo Prestige hai 20 anos

A Laracha, A Coruña, Betanzos, Pontedeume e Monfero acollerán os seguintes finais de etapa, nos que a situación das Fragas do Eume terá un papel protagonista, así coma os proxectos eólicos previstos na súa contorna. A marcha irá visitando "lugares ambientalmente agredidos" para apoiar os colectivos veciñais "que loitan polo cesamento do desastre ecolóxico e a recuperación ambiental da zona degradada".

A Ecomarcha tamén visitará varias zonas húmidas para as que Ecoloxistas en Acción reclama unha protección da que na actualidade carecen en Galicia. Finalmente, a marcha pasará por Guitiriz de camiño a Lugo, onde rematará o domingo 24 de xullo.

Presentación da Ecomarcha, este sábado en Pontevedra © Ecoloxistas en Acción
Presentación da Ecomarcha, este sábado en Pontevedra © Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.