Educación, condenada por descontar cartos "ilegalmente" na xubilación de 1.000 docentes

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación © Xunta

Novo pau xudicial á Consellería de Educación. Despois de que, nos últimos meses, o departamento que dirixe Jesús Vázquez vise cuestionada boa parte da súa política lingüística coas sentenzas que invalidan parcialmente o decreto do plurilingüismo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar sentenza firme para invalidar recortes aplicados durante o ano 2011. Faino a instancias da CIG-Ensino, que demandou o Goberno galego por "reducir nun 5% as cantidades" que lle debí pagar ao profesorado que optou por acollerse á "xubilación anticipada incentivada" da que podían facer uso precisamente ata 2011, acolléndose a principios da Lei Orgánica de Educación (LOE).

"Tendo en conta o elevado número de docentes", maís de 1.000, a central sindical nacionalista calcula que "a contía descontada ilegalmente achegaríase a un millón de euros" que, advirten, cómpre sumar "aos 500.000 que se descontaron indebidamente" aos e ás docentes que se atoparon no mesmo caso no ano 2010. Sinala a CIG-Ensino que o alto tribunal galego ratifica que Educación "tomou unha resolución abertamente ilegal ao aplicarlle a unha gratificación por xubilación a consideración de salario", xa que o razoamento da Administración autonómica foi pasar a tesoira nestas cantidades na mesma medida en que o fixo no conxunto dos salarios públicos por orde do Goberno central.

A CIG-Ensino calcula que as cantidades descontadas en 2011 supoñen arredor dun millón de euros

"Esta sentenza -explica o sindicato- incide no criterio expresado por diferentes xulgados do contencioso de toda Galiza" e "do propio TSXG" sobre estas gratificacións por xubilación, pero no ano 2010. "Naquela altura o Goberno de Zapatero comezou cos recortes aos empregados públicos, coa redución dun 5% da masa salarial", lembran, e "o Goberno de Núñez Feijóo, sempre como un adiantado na aplicación de recortes no sector público, decidiu estender aquel recorte ao profesorado que se xubilou anticipadamente", mesmo "aplicando con carácter retroactivo o recorte ao persoal que solicitara a xubilación a principios dese ano", isto é, "antes de que Zapatero decidise o recorte", en maio.

"As sentenzas contra aquela decisión foron contundentes e centráronse na ilegalidade de aplicar un recorte con carácter retroactivo e no feito de que a gratificación non era percepción salarial", sinalan. Agora, conclúen, "esta nova sentenza" vén ratificar aqueles ditames, polo que a CIG-Ensino "demanda que a Consellería estenda de oficio os efectos da sentenza a todo o profesorado que viu reducida ilegalmente a súa gratificación por se retirar anticipadamente, evitando deste xeito que todo este persoal xubilado se vexa obrigado a demandar individualmente para ver recoñecido un dereito que nunca lle debeu negar o goberno de Núñez Feijóo".

Xubilacións anticipadas LOE 2011 (Fonte: CIG-Ensino)
  Mestres Secundaria
A Coruña 282 177
Lugo 88 54
Ourense 63 39
Pontevedra 216 120
Subtotais 649 390
TOTAL GALICIA 1039

 

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.