Educación convoca un 30% menos de bolsas de colaboración e endurece os requisitos

Reitorado da USC © USC

O Ministerio de Educación volve a ser obxecto de polémica por continuar cos seus recortes, esta vez por establecer uns novos requisitos, moito máis estrictos que en anos anteriores, para optar ás bolsas de colaboración. A Liga Estudantil Galega denuncia as modificacións nas condicións para a obtención destas bolsas: "pon trabas inxustas ao estudantado para acceder a elas, seguindo a liña de recortes de este ministerio, que suprime calquera axuda para o acceso a unha educación de calidade no ensino público". Estas bolsas están destinadas a promover a iniciación á investigación dos estudantes universitarios que finalicen os seus estudos de segundo ciclo ou de grao así como os que estean a cursar o primeiro curso de másteres universitarios oficiais. A Liga recalca que o Ministerio de Educación "pretende facer que só as elites poidan acceder a unha formación digna e de calidade".

"Os requisitos que mudaron prexudicarán en gran medida as persoas que opten a estas axudas"

"Os requisitos que mudaron prexudicarán en gran medida as persoas que opten a estas axudas" afirma a Liga. En primeiro lugar, redúcese a dotación da bolsa, nos dous cursos anteriores era de 2.700 euros e pasa a ser de 2.000 nesta convocatoria. Tamén se reduce o número de bolsas convocadas case un 30%, pasando de 3.304 nas anteriores convocatorias a 2.356 en esta. Nas universidades galegas esta reducción afecta considerablente, pasando de 103 a 77 na USC, de 52 a 39 na UdC e de 66 a 50 na UVigo con respecto ó ano anterior. 

Redúcese o número de bolsas un 30% e a dotación económica pasará de 2.700 a 2.000 euros

Non só mudaron os requisitos económicos, tamén o fixeron os académicos, que establecen uns novos parámetros que impedirán a moitas persoas conseguir a bolsa de colaboración. A media académica que teñen que acadar os solicitantes é a principal dificultade á que se enfrontan. No próximo curso será preciso acadar unha media de 7 puntos en enxeñaría e arquitectura, 8 puntos en ciencias e ciencias da saúde e 8,5 en ciencias sociais, artes e humanidades. Estas cifras víronse aumentadas case un 22% nos dous últimos anos, sendo esta a terceira vez que aumentan. No pasado curso, 2012-2013, a media necesaria era de 6, 7 e 7,5 puntos, respectivamente, e no 2011-2012 as medias eran de 5.5, 6,5 e 7 nas ramas sinaladas. 

Reitorado da USC © USC
CC-BY-SA Liga Estudantil Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.