Educación incrementa as súas achegas extraordinarias para os centros concertados

Faixa de "Para o privado hai diñeiro" nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

A Consellaría de Educación publicou no DOG de 31 de outubro a orde pola que se convocan axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A partida non sofre ningún recorte con respecto a 2012 e mesmo incrementa o seu orzamento nun 37% con respecto a 2011. A subvención destinada a estes centros pode ascender este ano a 300.000 euros.

CIG-Ensino denuncia que se trata dunha "subvención extra, por riba do propio concerto que teñen establecidos estes centros" e considérao unha "provocación" ante "os continuos recortes que está a sufrir o ensino público"

CIG-Ensino denuncia que se trata dunha "subvención extra, por riba do propio concerto que teñen establecidos estes centros" e considérao unha "provocación" ante "os continuos recortes que está a sufrir o ensino público". E sinala que "mentres as políticas de recortes en persoal e recursos, impostas pola Consellaría de Educación, son o día a día do ensino público, a privada concertada ve incrementados os seus recursos cunha asignación extraordinaria".

O sindicato explica que esta subvención "permítelles a estes centros prestar servizos, modificar instalacións e contratar persoal", algo que neste momento non se poden permitir os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial. "Estamos pois ante un caso flagrante de discriminación en favor do ensino concertado", din.

 

Os recortes "afondan no austericidio"

Pola súa banda, este luns AGE reiterou a súa denuncia de que o novo recorte nos orzamentos de Educación "afonda no austericidio". "Vinte millóns de euros menos sitúan os orzamentos do departamento de Jesús Vázquez no seu nivel economicamente máis baixo dende 2004", sinalou esta mañá Ramón Vázquez, “un salto atrás de dez anos”. O deputado lembrou que "no quinquenio de goberno do señor Núñez, os cartos destinados a Educación reducíronse en 473 millóns de euros", o que cualificou de “desfeita que pon en cuestión a viabilidade do sistema educativo público”.

Faixa de "Para o privado hai diñeiro" nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.