Educación terá que devolver o salario descontado a unha docente por unha baixa

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Hai uns meses a Consellaría de Educación decidiu descontar do salario dunha mestra 168 euros, por mor dunha baixa laboral provocada por unha intervención cirúrxica oftalmolóxica. A mestra, a través de CIG-Ensino, presentou un recurso, primeiro de forma interna, por vía administrativa, denunciando un "abuso de poder" por parte da Consellaría, "ao fundamentar o recorte salarial nunhas instrucións internas que non teñen carácter normativo e non poden limitar os dereitos do seu persoal". Finalmente, o caso chegou aos xulgados, que obrigan a restituír o total do soldo descontado e imponlle as costas do xuízo á propia Consellaría.

CIG-Ensino denuncia un "abuso de poder" por parte da Consellaría, "ao fundamentar o recorte salarial nunhas instrucións internas que non teñen carácter normativo e non poden limitar os dereitos do seu persoal"

Na sentenza afírmase que a Lei 1/2012 (que impón os descontos por baixas médicas) non distingue que intervencións cirúrxicas dan dereito ao cobro do 100% do salario e cales non. CIG-Ensino denuncia que "a Consellaría de Educación, no seu afán recadador no peto do seu persoal, decidiu ditar unhas instrucións de uso interno nas que só se recoñecían como intervencións cirúrxicas para efectos de desconto aquelas incluídas na carteira de servizos do sistema sanitario público". Porén, na fundamentación xurídica, a xuíz fai fincapé en que "as instrucións non son nin sequera un desenvolvemento regulamentario da norma".

O sindicato insta finalmente á derrogación dos apartados da Lei 1/2012 que reducen o salario das persoas con baixa médica

CIG-Ensino esíxelle á Consellaría "que deixe de lado o seu xeito de administrar, abertamente ilegal, o seu persoal, restrinxíndolle dereitos por riba do que as propias leis ditadas polo PP implican de deterioro das condicións de traballo e salario do persoal". E engade que o Goberno galego está a cometer unha "tremenda inxustiza ao castigar o profesorado, como o resto das empregadas e empregados públicos, por non gozar de boa saúde". O sindicato insta finalmente á derrogación dos apartados da Lei 1/2012 que reducen o salario das persoas con baixa médica.

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.