En 1977, días despois de que o seu fillo Gustavo fose detido e desaparecido, Nora Cortiñas deixou a súa casa das aforas de Bos Aires para chantarse xusto fronte ao núcleo de poder do réxime militar na Arxentina. Catro décadas despois é fácil recoñecer a Nora --Norita, como lle din todos-- naquela muller miúda e enérxica que aparece nas imaxes das primeiras roldas das Madres de Plaza de Mayo. Cando a súa pequena figura de case 90 anos aparece antes de participar nun faladoiro, multiplícanse os saúdos, os abrazos, as referencias a este ou aqueloutro momento da súa imparable actividade. A que a levou esta mesma semana a Turquía para apoiar a mulleres en folga de fame pola liberdade de presos políticos. E o pasado xoves a visitar o Valle de los Caídos con políticos e asociacións de memoria.
"Causa indignación saber que o pobo español ten que aturar esta homenaxe permanente e público a un xenocida. Que estean no mesmo lugar vítimas e vitimarios é unha humillación para a humanidade", solta sobre Cuelgamuros, para empezar. E lembra que ela participa da querela arxentina que busca investigar os crimes do franquismo e que foi impulsada polo galego Darío Rivas, galego como seu pai, quen lle dá o apelido Cortiñas co que é coñecida desde sempre. "Non avanzou moito a causa, a pesar de que temos unha xuíza [María Servini] que puxo toda a vontade que non puxo cando tiñamos o terrorismo de Estado entre nós", di cun medio sorriso. Pero inmediatamente aclara: "Valoramos moito a súa decisión ética e empurraremos todo o que sexa necesario. A xustiza non se pode deter".
O problema para a querela arxentina é que en España asinouse un pacto de esquecemento na Transición que se materializou nunha Lei de Amnistía que complica moito a persecución destes crimes.
Non hai nada imposible. Non pode existir o silencio, o ocultamento de crimes de lesa humanidade. A querela ten que seguir porque non debe haber impunidade. Hai que traballar pola memoria, pola verdade e pola xustiza con todas as nosas forzas.
"Non hai nada imposible. Non pode existir o silencio, o ocultamento de crimes de lesa humanidade. A querela arxentina ten que seguir porque non debe haber impunidade"
Pero neste momento, no que se está discutindo a exhumación de Francisco Franco, hai quen sostén que volver a estes temas é reabrir feridas en lugar de pechalas.
Volver a este tema é brindar saúde a un pobo. Os países necesitan unha saúde moral, espiritual e histórica para percorrer un camiño realmente democrático. O camiño debe estar baseado na verdade.
Canto do que se conseguiu na Arxentina --o enxuizamento e a condena de xenocidas-- ten que ver coa presión social?
Todo! Levamos 42 anos na rúa, as Madres e os organismos de dereitos humanos, acompañados por moita xente que non quere vivir na impunidade. Temos unhas testemuñas excepcionais --as vítimas--, avogados e avogadas comprometidos, un grupo de fiscais e fiscalas extraordinario que queren facer xustiza e algúns xuíces que están dispostos a chegar até o final nisto. Porque non é fácil.
Hai un retroceso en liberdades e dereitos humanos en América Latina?
Si, hai persecución e detencións arbitrarias. E agora mesmo na Arxentina vivimos nun estado de terrorismo económico: a xente non ten acceso á vivenda, medran a desocupación e os prezos; a saúde e a educación públicas están abandonadas... Todo isto leva a unha enfermidade colectiva: o desacougo e a desesperación de non saber como levar á mesa comida para os fillos ou como pagar os servizos básicos.
"Non se pode baixar os brazos. Hai que seguir na rúa, denunciando, e pensar que non vai durar toda a vida isto. Darse a man e camiñar xuntos é un logro"
E como se vive iso tras máis de 40 anos de militancia?
Coa certeza de que non se poden baixar os brazos. Hai que seguir na rúa, denunciando, e pensar que non vai durar toda a vida isto. Darse a man e camiñar xuntos é un logro. E descubrir que hai moita solidariedade dentro do pobo impúlsanos.
E se falamos da desaparición do seu fillo, hai reparación para esa dor?
A reparación é a loita. E tamén os pequenos logros que imos tendo contra a impunidade. A acción permanente axúdache a seguir adiante, a pelexar porque non haxa máis xeracións que vivan unha represión aberrante como a da desaparición forzada de persoas. Porque é o crime de crimes: quitarlle a unha persoa todos os seus dereitos, pasar do ser ao non ser.
Ás veces cuestionouse ás Madres e ás Abuelas de Plaza de Mayo por facer declaracións políticas. A loita polos dereitos humanos pódese desligar da política?
O sistema é reaccionario, conservador, e hai que loitar contra el. Hai que facer política. As Madres asumimos as bandeiras de loita dos nosos fillos e fillas porque son o motivo da súa desaparición. E as ideas detrás desa ditadura cívico-militar-relixiosa e económica que os desapareceu seguen aquí. Do que se si debemos separarnos é do partidismo político, porque os organismos de dereitos humanos temos que ter a liberdade de opinar e actuar sen compromisos políticos.
"O sistema é reaccionario, conservador, e hai que loitar contra el. Hai que facer política. As Madres asumimos as bandeiras de loita dos nosos fillos e fillas porque son o motivo da súa desaparición"
Dar a vida e arriscar a vida
As nais que puxeron en evidencia á ditadura arxentina ante o mundo cos seus panos brancos enfrontábanse á "ferocidade criminal" do goberno militar. "Ameazáronnos. Moito", lembra. De feito, tres das mulleres que fundaron con Nora Cortiñas as Madres de Plaza de Mayo foron secuestradas e asasinadas polo réxime ciscándoas sedadas ao Río de la Plata. Pero elas non abandonaron. Seguiron indo cada xoves. Seguen indo cada xoves á praza.
Aquela afouteza de Nora hai 42 anos levouna a meterse no que, sospeitaba, era un centro ilegal de detención. E a militancia trouxo para ela tamén unha transformación persoal. Daquela ama de casa dedicada de cheo a coidar dos seus a unha muller sen medo enfrontándose ao poder xenocida, de nai de familia a nai pública.
Cando viraches en feminista? Ou cando te decataches de que o eras?
É algo que vai sucedendo. Deime de conta de que ademais de deberes no fogar tiña tamén dereitos. Crieime nun fogar patriarcal, casei cun home moi bo pero que tamén era machista. As mulleres fomos da pouco saíndo da nosa invisibilidade para mostrarnos como somos e con toda a forza que temos. Non queremos ser máis que os homes. Queremos a igualdade e o respecto.
Tamén foron cambiando as súas ideas sobre o aborto?
Si. Fun entendéndoo a medida que pasaron os anos e as experiencias. As mulleres pobres son as que morren cando teñen que facer un aborto. Porque ninguén o fai alegre nin livianamente. Se se regulase ese dereito as mulleres poderían ter o coidado que merecen. Pero os intereses económicos e a Igrexa fixeron que a Arxentina non puidese aprobar esa lei.
"En democracia a Igrexa non debería poder intervir, e menos para protexer a memoria dos xenocidas"
A Igrexa segue condicionando as decisións políticas?
Si, sobre todo no que ten que ver coa moral. España e a Arxentina están irmanadas pola dor que provocaron as súas ditaduras cívico-militares, económicas e eclesiásticas. Pero en democracia a Igrexa non debería poder intervir, e menos para protexer a memoria dos xenocidas. Por iso a mobilización pública é a clave, e España ten agora unha gran oportunidade.
"Xa imos", di Nora Cortiñas con ton doce e decidido. O faladoiro vai empezar e reclámana. Non se cansa nunca? "Ás veces, ás veces", ri de boa gana. "Teño algunha fibra humana", bromea. "Eu non quero ser unha heroína. Quero ser de carne e óso, e chorar cando teño que chorar", di agora seria. Descúlpase un momento e rebusca no seu bolso. "Voume pintar un pouco os beizos". Logo acomódase o pano branco e sae rumbo á sala onde agardan para escoitala. E mentres marcha dando pasiños firmes, Nora --Norita-- é todo menos pequena.