Ence, TTIP e plano de desenvolvemento rural centraron a 39 asemblea de ADEGA

Imaxe da 39 asemblea de Adega, celebrada este sábado © Adega

ADEGA celebrou este sábado a súa 39ª asemblea, que renovou a súa Xunta Directiva, que segue presidida por Virxinia Rodríguez e que prepará os actos de conmemoración do 40 aniversario da entidade, que se celebrarán ao longo de 2015. 40 anos de ecoloxismo a cargo dunha asociación que comezou a traballar en 1974, aínda que non foi legalizada até 1976, e cuxa actividade se incrementou a partir sobre todo dos anos oitenta. Os vertidos de residuos radiactivos, os grandes encoros, a xestións dos residuos, a política de ríos ou a planificación forestal racional centraron parte das súas accións dende entón. Na asemblea desta fin de semana aprobáronse ademais, por unanimidade, unha serie de propostas de resolución, centradas no TTIP, en Ence, no Plano de Desenvolvemento Rural, na vespa velutina, a Lei Mordaza ou os comedores escolares.

A nova Xunta Directiva, que segue presidida por Virxinia Rodríguez, prepará os actos de conmemoración do 40 aniversario da entidade, que se celebrarán ao longo de 2015

Así mesmo, no decurso dun xantar de confraternización a entidade fixo entrega dos premios Osíxeno 2014 ás mellores actitudes e actuacións ambientais do ano, uns galardóns consistentes nun diploma e nunha escultura do oleiro carnotán Nacho Porto. Na categoría individual o galardón foi para Xosé Luis Rodríguez Domínguez, presidente de ASOAR-ARMEGA (Asociación de armadores de artes menores) "polo seu incansábel traballo en defensa das nosas costas e da pesca sustentábel". Na categoría colectivo recoñeceuse o traballo da Plataforma Sarriana polo Río, "polo seu compromiso en defensa do bosque de ribeira e do patrimonio de Sarria fronte ao desleixo das institucións". Finalmente, o Premio Osíxeno de honra recaeu en Xosé Manuel Penas Patiño, membro histórico da SGHN e fundador da SGO, "pola súa traxectoria de compromiso coa divulgación e a defensa da natureza".

 

Propostas de resolución

  • Comedores escolares: A Asemblea de ADEGA insta as administracións a introducir os alimentos ecolóxicos e de producción local nos menús escolares, e anima as ANPAS "a reclamaren unha alimentación máis saudábel e vencellada á terra". Sinala que "consumir alimentos ecolóxicos, de tempada e de producción local nos comedores escolares non só é máis beneficioso para as crianzas, senón tamén para o noso agro, o ambiente e a economía do país, e en absoluto resulta máis caro que os alimentos procedentes da agroindustria". "En todo caso, investir na saúde das crianzas e do ambiente fronte ao mercantilismo, os agrotóxicos e os transxénicos debería ser unha obriga para as administración públicas", engade.

Na asemblea desta fin de semana aprobáronse ademais, por unanimidade, unha serie de propostas de resolución, centradas no TTIP, en Ence, no Plano de Desenvolvemento Rural, na vespa velutina, a Lei Mordaza ou os comedores escolares

  • Ence e Ría de Pontevedra: A Asemblea de ADEGA esíxelle á Xunta e ao Estado español que "executen de inmediato a sentenza do Supremo e abran un expediente de caducidade contra o emprazamento de ENCE en Lourizán". Asemais, "de acordo coa sentenza e co regulamento da Lei de Costas, a Xunta debe deixar tamén en suspenso a solicitude de prórroga de ENCE e tramitar xa a caducidade para que a empresa abandone Lourizán antes de 2018". A entiddade amosou tamén a súa solidariedade cos activistas da APDR denunciados pola pasteira "por poñer de manifesto as relación familiares e portas xiratorias entre ENCE e a Xunta".
  • Plano de Desenvolvemento Rural: Tralo rexeitamento por parte da UE do PDR 2014-2020 presentado pola a Xunta, para ADEGA "fica claro abandono o total do mundo rural por parte da Consellaría". "O desleixo, a incompetencia, o déficit de participación pública e os tics clientelares dos actuais responsábeis de Medio Rural á hora de redactar o PDR 2014-2020 poden facer que o agro galego fique sen financiamento comunitario até ben entrado 2016", denuncia. A Asemblea de ADEGA esixe "depurar responsabilidades" nunha consellaría "que semella estar a traballar para que o mundo rural galego desapareza".

ADEGA pídelle a Xunta e Goberno central que "executen de inmediato a sentenza do Supremo e abran un expediente de caducidade contra o emprazamento de ENCE en Lourizán"

  • TTIP e CETA:  A Asemblea de ADEGA rexeita tamén o Tratado Transatlántico de Investimento e Libre Comercio (TTIP) que a UE está a negociar cos EE.UU e o CETA que negocia con Canadá. "Estes acordos estanse a negociar de costas á cidadanía para ceder ás grandes empresas parcelas enteiras de soberanía dende os estados", critica e engade que "a mellora do comercio entre a UE e estes países vai ser usada como pretexto para laminar e flexibilizar as normas destinadas a protexer o ambiente, os dereitos das traballadoras, os servizos públicos e a normativa de consumo". 
  • Lei Mordaza: A Asemblea de ADEGA denuncia que a Lei Orgánica de Seguridade Cidádá, coñecida como a Lei Mordaza, é "un ataque contra as liberdades civís e os dereitos fundamentais". Para a entidade, a norma, aprobada en solitario polo PP, "lembra aqueloutra Lei de Orde Pública franquista de 1959", mais "coma co réxime que lle deu acubillo, tamén acabará caendo", sinala. Para ADEGA, "trátase dun golpe de estado encoberto para perpetuar no poder ao PP mediante a criminalización da protesta e a instauración dun estado policial, unha aberración democrática que como cidadás, pacifistas e ecoloxistas rexeitamos radicalmente".
  • Vespa velutina: Finalmente, a entidade alerta de que a aparición da vespa velutina ou vespa asiática "ameaza gravemente as abellas autóctonas e a un numeroso grupo de insectos polinizadores, causando un grave impacto ambiental". ADEGA sinala que "este depredador vén incrementar as altas mortalidades que están a sufrir as colmeas galegas polo uso masivo de agotóxicos", e denuncia que a pesar da importancia clave das abellas para os ecosistemas "nin a Xunta nin os concellos foron quen de dar unha resposta á altura do problema". A Asemblea de ADEGA esíxelle ás administracións públicas "que poñan os medios necesarios para controlar a poboación desta especie invasora".

 

Nova Xunta Directiva de Adega

  • Presidenta e vogal de Ríos: Virxinia Rodríguez
  • Vicepresidente e vogal de Litoral: Xandro García
  • Secretario Xeral e vogal de Territorio e Urbanismo: Froilán Pallín
  • Vicesecretario Xeral: Xosé Salvadores
  • Tesoureiro: Xan Louzao
  • Vogal da Comisión Permanente e de Afiliación: Verónica Torrijos
  • Vogal da Comisión Permanente: Roi Cuba  
  • Vogal da Xunta Directiva: Daniel L. Vispo
  • Vogal da Xunta Directiva e de Publicacións: Manuel Soto
  • Vogal da Xunta Directiva: Monserrat Lombardía
  • Vogal da Xunta Directiva: Alberte Sánchez
  • Vogal da Xunta Directiva: Pepa Pérez Sañudo
  • Vogal da Xunta Directiva: Nes Lopes
  • Vogal da Xunta Directiva: Serxio Perille
  • Vogal de Biodiversidade: Martiño Nercellas
  • Vogal de Comunicación: Belén Rodríguez
  • Vogal de Consumo Sustentábel, agroecoloxía e transxénicos: Marie Lacassagne
  • Vogal de Cooperación e Muller: Lucía Parente
  • Vogal de Dereito Ambiental: Fernando de Abel
  • Vogal de Educación Ambiental: Ramsés Pérez
  • Vogal da Eira da Xoana: Marcial Barral
  • Vogal de Enerxía e cambio climático: Fins Eirexas
  • Vogal de Medio Rural e Montes: Xosé Manuel Casal
  • Vogais de Mocidade: Macías López e Sigrid Bouzón
  • Vogal de Patrimonio Cultural e Arqueoloxía: Manolo Miranda
  • Vogal de Patrimonio Xeolóxico: Xoán Ramón Vidal-Romaní
  • Vogal de Protección Animal: Isabelle Kerdudo
  • Vogal de Residuos: María Lafuente
  • Vogal de Saúde Ambiental: Luis Díaz Cabanela
  • Vogal de Transporte e Mobilidade: Adela Figueroa
  • Vogal de Voluntariado: Paco Bañobre
Imaxe da 39 asemblea de Adega, celebrada este sábado © Adega
Premiados e premiadas no galardóns Osíxeno 2014 © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.