Esculca denuncia a vulneración dos dereitos das persoas presas na Lama

Cárcere da Lama © blogcarcelalama.blogspot.com

O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades denuncia o "deterioro" da situación dos presos e presas nesa cadea, coincidente -din- "co nomeamento de un novo Subdirector de Seguridade e a introducción de métodos expeditivos para abordar os problemas de convivencia". Segundo Esculca, "as consecuencias mais graves son as agresións e malos tratos a internos, sobre todo no módulo de isolamento, onde frecuentemente se utiliza o encadenamento prolongado, acordando o isolamento de maneira inxustificada e automática, o que está a provocar a proliferación de denuncias dos internos".

Así, segundo Yolanda Ferreiro Novo, vicepresidenta de Esculca, Juan José N.R. denunciou que o 23 de marzo, "cando estaba convalecente dun grave episodio de convulsións epilépticas, e tras un rexistro na súa cela no que os funcionarios deitaron polo chan todas as súas pertenzas e rompéronlle obxectos persoais, como se demoraba en cumprir a orde de traslado a outro módulo, foi reiteradamente golpeado, e unha vez chegado o módulo de isolamento foi obrigado a espirse e facer flexións, ingresado nunha cela varias horas até que a médica ordenou o seu traslado á enfermería". Segundo Esculca, Juan José N.R. presentou no Xulgado de Garda denuncia por torturas, maltrato e danos.

Tamén denuncian que Roberto F.P., enfermo con padecementos intestinais que perdeu 20 kilos en tres meses e a tratamento con medicación por padecementos psíquicos, "foi levado a isolamento o 26 de marzo por un incidente leve con outro interno a pesares do seu estado de saúde, suprimíndolle de golpe toda a medicación que tiña pautada". Esculca salienta que "mais grave é o caso de Roi A.B"., que o 27 de marzo foi, segundo Esculca, "golpeado e arrastrado polo chan por varios funcionarios, sofrendo feridas que precisaron puntos de sutura na cella esquerda, erosións graves na cara e hematomas nos pulsos e nocellos, sendo amarrado á cama polos pés e as mans e golpeado nas plantas dos pés e no estómago, permanecendo nesa situación 15 horas e despois ingresado nunha cela de isolamento, sen que fose visitado polo médico". O día 4 de abril Roi A. B. presentou no Xulgado de Garda denuncia por torturas, maltrato e lesións.

Cárcere da Lama © blogcarcelalama.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.