Esculca denuncia o incremento da "presión policial" e as "restricións" de dereitos en Galicia

Xesús Anxo López Pintos, ferido, no momento da súa detención CC-BY-NC-SA Susete

Esculca, Observatório para a defensa dos direitos e liberdades, vén de denunciar nun comunicado o incremento da "presión policial" e as "restricións" de dereitos en Galicia. En especial destaca as limitacións exercidas contra os "dereitos que se exercen en lúgares públicos", os que "amosan que exorbitantes son as facultades das forzas policiais nun espazo non regulamentado como é a rúa ao abeiro da ambigüa normativización na Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Lei de Seguridade Cidadá".

Tamén salienta que "a estes excesos non é allea a dirección política das forzas policiais"

Tamén salienta que "a estes excesos non é allea a dirección política das forzas policiais como demostran as declaracións de Samuel Juarez, Delegado de Goberno en Galiza, avalando a actuación policial contra o responsábel comarcal da CIG en Ferrol en outubro de 2012, quen posteriormente denunciou os policías actuantes por delito de torturas e trato degradante". Esculca sinala igualmente que "non é esta unha situación aparecida ao socairo da intensa movilización social con que a sociedade galega responde ao duro axuste económico a que se ve submetida. Mais é verdade que esta nova realidade está permitindo ver públicamente o que as capas mais activas do noso país viñan sufrindo no que se ten chamado estado de dereito de baixa intensidade”.

A entidade enumera "as restricións sofridas polo movemento de apoio a pres@s en Galiza", por exemplo na organización da Marcha á Teixeiro, ou na Marcha pola Liberdade e a Concentración en Arteixo en apoio a Diego Viña. Tamén se refire á prohibición de manifestacións no 25 de xullo en Compostela, prohibición que foi posteriormente revogada polo TSXG. E destaca que "a función real destes dispositivos e actuacións policiais (e da súa planificación politica) non é o alegado mantemento da seguridade cidadá senón a desmotivación do exercicio do dereito por medio da blindaxe policial”.

Esculca tamén denuncia "outras actuacións policiais de dubidosa legalidade que coartan o dereito de reunión e mesmo o dereito de folga dos sindicatos"

Esculca tamén denuncia "outras actuacións policiais de dubidosa legalidade que coartan o dereito de reunión e mesmo o dereito de folga dos sindicatos" e cita "o procedemento por falta de danos e por delito seguido contra catro sindicalistas da CIG na folga do servizo de limpeza municipal de Ourense, os procedementos contra sindicalistas derivados da folga do metal do 2007 ou da pretendida ocupación da Estación Marítima de Vigo en 2009, o xuízo penal contra sindicalistas na folga do comercio de alimentación en 2009, e una chea de xuizos de faltas". E engade que "alén desta aplicación excesiva do procedemento penal, están tamén documentadas actuacións desproporcionadas das forzas policiais que restrinxen o dereito de folga e de reunión en conflitos laborais".

 

Xesús Anxo López Pintos, ferido, no momento da súa detención CC-BY-NC-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.