Esíxenlle a Feijoo que "vele polos intereses de Galicia e non polos de Canadá"

O conselleiro de Industria e Feijóo, nunha rolda de prensa © Conchi Paz

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños critica a visita do embaixador de Canadá Jon Allen a Galicia para actuar como lobby mineiro. Para a plataforma "non é de recibo" que a mina de Corcoesto se poida empregar "como moeda de cambio" por investimentos ou colaboracións no eido naval, téxtil ou “curiosamente” no eido forestal, cando o que se pretende e arrasar con máis de setecentas hectáreas desta superficie de alta capacidade produtiva no Concello de Cabana de Bergantiños, segundo recoñece a propia lei de montes de Galicia. Segundo a Plataforma “O estreitamento de lazos comerciais non pode levar consigo a venda do noso territorio, non somos un país terceiromundista, os galegos non o imos consentir”, afirman.

“O estreitamento de lazos comerciais non pode levar consigo a venda do noso territorio, non somos un país terceiromundista, os galegos non o imos consentir”

A Plataforma cualifica de "vergoñante" a actitude de Feijoo con respecto a este proxecto, e denuncia igualmente o feito de recibir ao embaixador canadense acompañado do conselleiro de Economía e Industria e o de Medio Ambiente "para renderlle pleitesía e para darlle explicacións sobre a paralización da mina de ouro de Corcoesto, someténdose así, ao ditado e aos intereses da empresa mineira representados nesta ocasión por Jon Allen". A Plataforma esíxelle finalmente a Feijoo "que se comporte coma un Presidente digno dun país como Galicia, que defenda a súa terra e os seus intereses, e que se esqueza dos cantos de serea de Edgewater". 

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.