Os representantes do Grupo Dereitos Sociais e Renda Básica de Lugo reuníronse este luns coa Concelleira de Benestar Social e Igualdade da cidade, Ana González Abelleira, coa finalidade de poñer de manifesto a alarmante e crecente situación de pobreza e exclusión social "que dende esta plataforma se está a observar cada vez máis entre os veciños e veciñas de Lugo".
A plataforma denuncia que como consecuencia da crise "no concello de Lugo hai miles de persoas que non poden satisfacer cun mínimo de dignidade as súas necesidades máis básicas". Ante esta situación, denuncian que os servicios socias dos poderes públicos, tanto a Xunta de Galicia coma o Concello de Lugo, non están sendo suficientes para facer fronte a este grave problema. Por unha parte, denuncian que dedican menos do 0,5% dos seus orzamentos para as axudas de "inclusión social" e "emerxencia social", e pola outra actúan "con total ineficiencia en casos de necesidade inmediata, como por exemplo nos casos de extrema urxencia", que poden ir dende un desaloxo inminente da vivenda, corte do suministro eléctrico, gas ou auga por impago, ter que pasar fame ou unha mala alimentación ou até o empeoramento da saúde por non poder pagar medicamentos. Nestes casos as axudas poden tardar semanas ou incluso meses.
En casos extremos, froito da presión e da angustia á que se ven sometidos, "moitas persoas padecen un deterioro psicolóxico importante que merma a súa capacidade para facer fronte de maneira efectiva a todas as xestións, quedando aínda máis indefensas".
"Dedican menos do 0,5% do orzamento a axudas "inclusión social" e "emerxencia social" e actúan con ineficiencia en casos de extrema urxencia"
Por todos estos motivos, a reunión tivo como finalidade facerlle chegar ao alcalde varias reivindicacións das carencias e problemas que solicitan "que se superen coa maior urxencia". Entre as peticións destacan o aumento dos insuficientes recursos económicos, "para que sexa respectado realmente o dereito que todas as persoas teñen recoñecido legalmente a levar unha vida digna", que se apliquen por parte dos servicios sociais os protocolos de emerxencia necesarios para satisfacer eficientemente as situacións de urxencia, maior transparencia na tramitación das axudas de emerxencia social no Concello de Lugo, atención psicolóxica e de acompañamento cando se detecten problemas psicolóxicos graves ou que o Concello faga unha chamada de atención ña Xunta de Galicia para que atenda con urxencia as solicitudes de axudas, "sen retrasos e sen escusas".