Espazo Ecosocialista alerta de que Galicia está sufrir claros efectos do cambio climático

Xan Duro e Xoán Hermida Dominio Público Praza Pública

Coincidindo coas xuntanzas do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) en Vigo, Espazo Ecosocialista presentou un informe que denuncia as elevadas emisións de gases contaminantes no noso país e advirte dos efectos prácticos que xa está tendo sobre a meteoroloxía galega.

No ano 2011 apúntase a un novo incremento de emisións tras tres ano de descenso. O aumento de emisións das centrais térmicas de carbón están detrás deste incremento

O texto afirma que dende o ano 1990 as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro "foron moi altas", incrementándose exponencialmente ate o ano 2008, superando nun 6,2% os límites de incremento dun 15% marcados polo Protocolo de Quioto para o conxunto do estado español para o período 1990 – 2012. O impacto da crise supuxo un descenso continuado entre 2008 e 2010 dun 26% explicado en grande parte pola entrada en funcionamento dos ciclos combinados de As Pontes e Meirama, xunto cun forte incremento da produción renovable acaecida no 2010. Porén, no ano 2011 apúntase a un novo incremento de emisións tras tres ano de descenso. O aumento de emisións das centrais térmicas de carbón están detrás deste incremento, provocadas pola infrautilización das centrais de ciclo combinado debido ao custo de xeración por KW, ao parón eólico e á seca.

 

Efectos visibles do cambio climático en Galicia

En canto á precipitación, prevese unha diminución importante na primavera e no verán (agás na costa noroeste) e un aumento considerable na mesma magnitude no outono e no inverno, superior ao 25%

A nivel climático, distintos estudos constatan unha diminución de días fríos en outono e un aumento de días cálidos en primavera e verán. En canto á precipitación, prevese unha diminución importante na primavera e no verán (agás na costa noroeste) e un aumento considerable na mesma magnitude no outono e no inverno, superior ao 25%. A media anual terá un aumento máis moderado, pero, aínda así, alcanzará o 25% nas montañas da dorsal galega.

O informe tamén advirte de que no medio mariño se constata a redución nun 45% da intensidade media do afloramento nas rías galegas, o principal responsábel da súa fertilidade. Este fenómeno está ligado á frecuencia e intensidade dos ventos do nordeste que reduciu os días de presenza nun 30%. Por poñer un exemplo gráfico, a taxa de renovación da ría de Vigo duplicouse nos últimos 40 anos, diminuíndo a súa fertilidade.

O informe tamén advirte de que no medio mariño se constata a redución nun 45% da intensidade media do afloramento nas rías galegas, o principal responsábel da súa fertilidade

Outro elemento salientable é a expansión da temporada de incendios, agravándose as situacións de perigo en marzo e xuño e de xullo a setembro. Ademais, adiántase a época de floración de especies arbóreas, aumenta a caracterización mediterránea das especies e mudan os períodos de migración de aves.

 

Propostas dende Galicia contra o cambio climático

O Espazo Ecosocialista Galego critica a política levada a cabo polo Goberno galego nos últimos anos. Aínda con Fraga no poder preentouse a Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático, "documento de referencia que ficou niso, nun documento sen maiores consecuencias", segundo Xan Duro. De igual xeito o Goberno PSdeG-BNG presentou o Plano Galego de Acción fronte á Mudanza Climática, que "a pesares de recoñecerlle o mérito de ser o primeiro do seu tipo no noso país, era moi pouco ambiciosa particularmente no tema de redución de emisións". Ademais, os Ecosocialistas denuncian outras políticas pública coma os planos de transporte presentados "que fomentaban maioritariamente o automóbil privado", o respaldo a produción eléctrica máis contaminante como a do carbón do carbón, a aposta pola incineración na xestión de residuos sólidos urbanos, a paralización do concurso eólico e a supresión da prima eólica.

Proponse un plano de mobilidade sustentable que reduza a demanda de transporte e restrinxa o transporte privado

Espazo Ecosocialista propón neste senso unha serie de medidas para loitar contra o cambio climático. Destacan a aprobación dunha Lei contra o Cambio Climático que estableza para Galicia obxectivos de redución das emisións causantes do cambio climático con reducións da orde do 30% ao respecto de 1990 para o 2020 e do 80% para o 2050. Ademais quérese implantar un programa de aforro e eficiencia enerxética con especial atención á rehabilitación enerxética dos edificios. E tamén un plan de implantación xeneralizado de enerxías renovábeis co obxectivo de acadar o 100% de produción enerxética renovábel no menor tempo posíbel. Este plan deberá fundamentarse na xeración distribuída e descentralizada, na maximización dos beneficios socioeconómicos para a sociedade galega e na minimización do seu impacto sobre territorio e biodiversidade.

Tamén se propoñen políticas fiscais verdes que penalicen a produción eléctrica sucia e premien as enerxías renovables. E un plano de Mobilidade Sustentable que reduza a demanda de transporte, restrinxa o transporte privado (sobre todo nas comarcas urbanas) e logre unha transferencia substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte menos contaminantes.

Demándase o peche de SOGAMA e apóstase pola redución de residuos, a compostaxe e a recuperación e reciclaxe cunha estrutura comarcal

Proponse promover unha agricultura sustentable a escala local, ecolóxica, desenvolvendo circuítos de comercialización de proximidade. E, finalmente, demándase o peche da inicineradora de SOGAMA e apóstase pola redución de residuos, a compostaxe de fracción orgánica e a recuperación e reciclaxe cunha estrutura comarcal.

Xan Duro e Xoán Hermida Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.