"Está no seu escano decidir prorrogar a tortura como 'festa' ou avanzar canda a sociedade"

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

O vindeiro 25 de xuño o Parlamento de Galicia debate unha proposición de lei presentada polo BNG para prohibir as touradas no país mediante a eliminación da excepción normativa que este espectáculo recibe na Lei de Protección dos Animais. Será unha ocasión única para que os 75 deputados da Cámara galega aclaren a súa postura respecto das corridas de touros, máis tendo en conta que as últimas enquisas realizadas sinalan que o 85% dos cidadáns están en contra desta actividade.

A liberdade ou non de voto dos deputados do PP é a clave para que a proposta de abolición das touradas saia adiante

O apoio da oposición parlamentaria a esta iniciativa semella claro, máis aínda tendo en conta que o recentemente creado Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais -formado por seis parlamentarios en representación de PSdeG, BNG e AGE- leva xa case trinta iniciativas canalizadas na Cámara. No entanto, a clave está na postura que adopten os 41 deputados do grupo do PP que, malia as diferentes sensibilidades, non parece disposto a dar liberdade de voto aos seus parlamentarios.

Así, e para pedirlles a estes deputados populares que apoien a abolición das corridas de touros, o colectivo Galicia Mellor sen Touradas (GMST) vén de lanzar unha campaña en Internet para solicitar ese voto a favor da proposta do BNG, consciente tamén como é a asociación que hai parlamentarios do PP que para nada están de acordo con este espectáculo.

As últimas enquisas reflicten que o 85% da poboación galega estaría a favor dunha hipotética eliminación das corridas de touros

A asociación abolicionista xa solicitara a liberdade de voto para os deputados da dereito, xa que "dentro do grupo dos populares existen diferentes sensibilidades", polo que demandou un exercicio de hixiene "democrática, permitindo que cada parlamentario decida en función da súa conciencia".

Non parece doado. Coa súa sinatura nesta campaña, o cidadán envía un fax a estes deputados populares no que se lembra que "actualmente este espectáculo cruel e sanguento ten lugar grazas a unha excepción normativa que impide xerar a mesma protección legal a todos os animais". "Segundo as enquisas realizadas por axencias independentes, máis do 85% da cidadanía galega apoiaría unha hipotética prohibición dos festexos taurinos", asegura o texto.

"Está no seu escano a decisión de prorrogar a tortura como 'festa' ou avanzar no sentido que marca a sociedade civil", pide a campaña aos deputados do PP

"Está no seu escano a decisión de prorrogar a tortura como festa ou polo contrario avanzar no sentido que marca a sociedade civil", reclama a petición de GMST, que leva tempo denunciando o financiamento público que reciben as corridas de touros en Galicia, onde todas as touradas "son subvencionadas por concellos e deputacións, como no caso da Coruña, Sarria, Padrón ou Pontevedra".

Segundo datos oficiais da Xunta, nos últimos cinco anos organizáronse en Galicia tan só 64 touradas concentradas en trece concellos do país, un 4,1% do total. Deses municipios que albergaron espectáculos taurinos só figuran as dúas cidades antes citadas, A Coruña e Pontevedra.

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.