Os galegos e galegas quixeron render homenaxe ás vítimas do sinistro de Angrois ateigando as estacións de tren de apoios e solidariedade. A de Santiago de Compostela foi unha das máis numerosas, todos recordaban as 24 horas vividas dende o tráxico accidente do día anterior. Houbo tamén concentracións en Ourense, onde subiron varios pasaxeiros do tren accidentado. E tamén nas estacións de Vigo, moi numerosa, ou da Coruña.
O ambiente era pesado, dominado polo silencio. Moitos dos asistententes comentaban "a calquera nos puido pasar" e recordaban con bágoas nos ollos as máis de 200 persoas que onte debían chegar a aquela estación. Foi quizais esa proximidade a que provocou que todos estiveran pendentes do reloxo e exactamente ás 20:42, hora do sinistro, romperan nun emotivo aplauso que se prolongou durante 5 minutos só interrompidos polo berro de "solidariedade".
Con este sinxelo pero emotivo acto, os galegos e galegas quixeron lembrar as vítimas e lanzar unha mensaxe de apoio ás familias. No caso de Santiago a volta á realidade impediu gardar uns minutos de silencio. A espera de novos pasaxeiros e o ruído da inminente saída dun tren que ía partir con destino á Coruña evitou o silencio no arcén que foi cuberto coa morea de aplausos e os berros de solidariedade.
Ás 20:42 romperon nun emotivo aplauso que se prolongou durante 5 minutos só interrompidos polo berro de "solidariedade"
Tan só un pequeno incidente na estación ensombreceu o emotivo acto. Un dos asistentes portaba unha bandeira galega coa estrela. Unha traballadora de seguridade privada da estación alegou "ordes de arriba" para exixir a un dos asistentes que a "baixase". O mozo negouse a facelo e a traballadora alegou "é porque a bandeira é política, só acato ordes de arriba". O rapaz explicoulle unha vez máis que non a baixaría nin a agocharía e continuou con ela ergueita durante todo o acto.
Estas concentracións foron outro exemplo da exemplar resposta social dos galegos e galegas que con dignidade mudaron as festas, a loita e o seu día grande pola solidariedade e o loito en apoio aos afectados. Mozos, vellos, nenos, representantes políticos como o líder do BNG, Xavier Vence, e o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, ou traballadores e voluntarios no sinistro quixeronse unir polas vítimas dun suceso que conmocionou o país no día grande da nosa terra.