"Estamos cansos pero esperanzados, esta é unha loita moi dura"

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

"Estamos esperanzados e tamén cansos, porque esta é unha loita moi dura. Pero para os que estamos afeitos a loitar contra o problema da droga, esta loita é dura igualmente, pero é moito máis reconfortante, porque na outra loitas só, estigmatizado e case sen apoio de ningúen". Deste xeito é como Marcos, o irmán de David Reboredo resume o estado no que se atopa a familia, despois de meses de incerteza á espera dun indulto que non dá chegado. E despois de que David leve xa 50 días en prisión.

A familia está esperanzada no feito de que o Ministerio de Xustiza tardase apenas vinte días en solicitarlle á Audiencia Provincial de Pontevedra un informe non-vinculante para estudar a solicitude de indulto

De nada serviron as dúas peticións de indulto solicitadas antes de que David Reboredo tivese que ingresar na cadea. E tampouco tiveron resposta as cartas enviadas ao rei Juan Carlos e máis á deputada do PP por Pontevedra e ministra Ana Pastor. O 12 de decembro ("o 12 do 12 do 12" bromea Marcos) enviouse unha nova petición de indulto, que aínda non foi respondida. Porén, a familia está esperanzada no feito de que o Ministerio de Xustiza tardase apenas vinte días en solicitarlle á Audiencia Provincial de Pontevedra un informe non-vinculante para estudar a solicitude de indulto. "Normalmente o Ministerio tarda meses en pedir ese informe", explica.

Marcos Reboredo agradece o masivo apoio social (máis de vinte colectivos sociais, veciñais e de axuda a drogodependentes da comarca de Vigo, e ao redor de 150 mil persoas a través de change.org) que dende outubro pide xustiza para David, no marco dunha nova estratexia na súa defensa: "cando foi denegado o seu indulto por segunda vez decidimos facer pública a súa situación para procurar o apoio popular". Pero tamén denuncia "a dobre vara de medir da Xustiza". Denuncia por exemplo que a David o condenaron a sete anos de cadea por vender dúas papelinas con medio gramo de heroina "cando ao Mulo por catro toneladas metérono catro anos na cadea".

"O meu irmán leva 50 días na cadea e aínda non calificaron o seu grao. A Carromero en 13 días lle deron o terceiro grao e xa está no xuizo"

Ou o caso dos catro mossos d'esquadra sentenciados por torturas e indultados en dúas ocasións polo Goberno. Ou o de Ángel Carromero: "o meu irmán leva 50 días na cadea e aínda non calificaron o seu grao. A Carromero en 13 días lle deron o terceiro grao e xa está no xuizo", di Marcos, que confesa que lles sorprendeu moito que lle denegasen o indulto nun caso tan claro, cun delicto menor e cunha persoa totalmente rehabilitada.

E como está David? O seu irmán explica que David Reboredo ten "un sentimento bipolar". "Está moi animado pola campaña mediática e social. Esta xente pensa que está moi estigmatizada socialmente pero ve como hai moita xente anónima que o apoia en todas partes. Ademais está recibindo moitas cartas anónimas de apoio", di Marcos. Pero tamén afirma que "polo outro lado a realidade é que el segue ai metido. E non consegue explicar a inxustiza de ter que pagar con sete anos por dúas papelas cando hai xente con condenas menores por catro toneladas".

O 31 de xaneiro haberá unha nova concentración en Vigo diante do Marco

O 31 de xaneiro haberá unha nova concentración en Vigo diante do Marco. Nese acto a súa familia e amigos volverán pedir o indulto para David Reboredo, "de costas, como símbolo de como a Xustiza nos deu as costas".

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.