"Este outono xogámonos moito". Semana de mobilización contra TTIP e CETA

Un cartaz contra o TTIP, durante unha sesión na Eurocámara CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

As sete cidades galegas acollerán este sábado 15 concentracións e manifestacións de protesta contra o CETA e o TTIP, os tratados de libre comercio que a UE negocia con Canadá e os Estados Unidos. A máis importante será a marcha convocada en Vigo (cruce de Vía Norte, ás 19:00), que conta co apoio de máis de 50 entidades.

A mobilización centrarase especialmente en visibilizar e dar resposta ao proceso de aprobación do CETA (acordo entre a UE e Canadá), que en caso de aprobarse converteríase "nunha porta traseira" para o TTIP (acordo entre a UE e EEUU). O CETA atópase actualmente en proceso de aprobación, e a finais de 2016 dará o seu paso clave coa votación no Parlamento Europeo. Segundo subliña a Campaña Non ao TTIP Galiza, "o CETA e o TTIP conteñen mecanismos como o ICS (Sistema Xudicial de Investimentos, onde as empresas poderán denunciar aos estados polo mero feito de non obter beneficios), ao tempo que abren a porta a diversas prácticas contra a saúde ou o medio ambiente como son o fracking ou a eliminación do principio de precaución”.

As mobilizacións que se repetirán en todas as cidades do Estado, coinciden coa Semana de Loita Contra as Causas da Pobreza, e estás sendo acompañadas de actos, charlas e debates coma o que este martes se celebrou en Vigo (Efecto dos Tratados de Libre Comercio sobre o emprego) coa presenza de Yolanda Díaz e de Adoración Guamán, profesora de Dereito do Traballo na Universitat de Valencia. Ou os que están convocados para o venres 14 na Coruña (Campo de Marte, 19 horas) e Vigo (Sede da Marea, 20 horas).

Ademais, este martes fíxose público un manifesto, titulado Este outono xogámonos moito, asinado por líderes políticos, representantes institucionais e persoeiros do mundo da cultura, que destaca que "este outono podemos deter as negociacións sobre o TTIP. Un tratado que comezou a negociarse en secreto e que a presión popular obrigou a sacar á luz. Un tratado que foi acumulando rexeitamento cidadán ao pór o lucro das grandes empresas por riba dos dereitos das persoas. Un tratado que se atopa debilitado grazas ao esforzo colectivo de millóns de mulleres e homes que creron que só se perde aquilo polo que non se loita". "Non é unha quimera. Ao contrario, agora mesmo é unha vitoria alcanzable. A presión cidadá internacional está a mostrarse o suficientemente eficaz e coordinada como para asestar un golpe na liña de flotación do modelo comercial imperante. E entre as súas fendas, pódense materializar novos paradigmas", engade.

O documento conclúe dicindo que "o día que se anuncie a ruptura das negociacións do TTIP non se desfarán os recortes, nin se derrogarán as últimas reformas laborais, nin os intereses privados desaparecerán da sanidade. Non será o día en que o cambio climático deixe de ser un feito, desapareza a violencia machista ou se evapore a débeda cos mercados financeiros para poder aumentar o gasto social. Non. Pero esa noite quen tratan de obter beneficios á conta dos dereitos do resto das persoas durmirán sabendo que o seu poder ten un límite, o da cidadanía activa e organizada"

O texto está asinado polos alcaldes da Coruña, Santiago, Ferrol e Cangas (Xulio Ferreiro, Martiño Noriega, Jorge Suárez e Xosé Manuel Pazos), por deputados e deputadas no Congreso (Antón Gómez Reino, Ángela Rodríguez ou Yolanda Díaz) e no Parlamento galego (Eva Solla, Manuel Lago, Marcos Cal ou Paula Quinteiro). Ademais, líderes políticos como Alberto Garzón, Arnaldo Otegi, Ada Colau, Iñigo Errejón, José Antonio Pérez Tapias, Juantxo López de Uralde, Anna Gabriel, Mónica Oltra, Pedro Santisteve, Xavier Domènech, Marina Albiol ou Teresa Rodríguez tamén figuran entre os e as asinantes.

 

Actos do sábado 15 de outubro en Galicia

  • A Coruña. 19.00. Campo de Marte
  • Compostela. 19.00. Praza do Toural
  • Ferrol. 19.00. Praza Amada García
  • Lugo. 20.00. Subdelegación do Goberno. Praza de España
  • Ourense. 19.00. Parque de San Lázaro
  • Pontevedra. 13.00. Praza da Peregrina
  • Vigo. 19.00. Cruce Vía Norte e Urzáiz

 

Un cartaz contra o TTIP, durante unha sesión na Eurocámara CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo
Mobilización contra o TTIP en Vigo Dominio Público @Podemos_Galicia
Manifestación contra o TTIP en Vigo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.