Pertence a un colectivo cun 80% de paro, para o que a sociedade entende como solución de integración “comprar lotería”. A histórica activista Marita Iglesias, candidata de Equo na Alternativa Galega de Esquerda pola Coruña, introduce na campaña electoral o debate sobre a diversidade funcional, desde unha perspectiva inédita: a da investigadora que coñece a situación en carne propia.
De cadeiras de rodas en escenarios públicos, poucos máis exemplos non lacrimóxenos ou paternalistas existen que o de Robert Wyatt, cantando I'm A Believer en 1974 no programa Top of the Pops, malia a negativa de la BBC de que saise en antena exhibindo a súa paraplexia. “Algo funcionou mal no discurso da inclusión en Europa e nas demais sociedades occidentais”. É o resumo. Erguérase a Unión Europea sobre os alicerces dos dereitos humanos, pero o estricado mito da Europa solidaria evidenciouse tan feble que a penas reverbera nos discursos máis manidos. Foi notorio coa inmigración, cos cidadáns das ex colonias, e acontece tamén coas mulleres e homes con diversidade funcional, exentos por tradición da dignidade que tanto se tardou en lexislar.
“Ocórreseme que, tanto o sistema político como a sociedade en xeral poden reflexionar sobre o feito de que tivemos que chegar até 2006 para ter unha Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, equiparábel en rango e intencionalidade á Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. En que parte do universo dos dereitos humanos recoñecíbeis en 1948 non encaixamos até 2006?”. Quen ironiza é María Rita Iglesias Padrón, aka Marita, histórica activista polos dereitos da diversidade funcional –comunmente denominada discapacidade- e membro do internacional Foro de Vida Independente.
"En que parte do universo dos dereitos humanos recoñecíbeis en 1948 non encaixamos até 2006?"
O lema desta organización, “nada sobre nós sen nós”, explica en parte a súa presenza na campaña para as eleccións galegas do 21 de outubro, pois as decisións políticas sobre os temas centrais do colectivo elabóranse á marxe, desde despachos onde só se intúe de esguello a realidade. Afiliada a Equo Galicia desde a súa orixe e agora número dez por Alternativa Galega de Esquerda na provincia da Coruña, Marita Iglesias apuntala un discurso infrecuente no adro electoral, apoiado pola inusual imaxe da súa figura, moldeada pola poliomelite desde nena.
"Os plans de emprego non nos sacaron en 30 anos de valores sempre próximos ao 80% de paro, segrégasenos do sistema educativo cara a contornas desvinculadas dunha sociedade que compra lotería para integrarnos, pódesenos esterilizar sen excesivo rubor legal…"
As persoas con diversidade funcional saben moito de culpabilizacións, foi unha estratexia histórica que funcionou moi ben. Tanto, que agora o discurso do capitalismo de casino, no proceso de salvación da súa clase fundadora, incorporou tamén a desempregados, enfermos crónicos e maiores ao espectro de parásitos sociais culpabilizantes. Hai moitos exemplos. O último, ese “non podemos seguir vivindo tan ben” do conselleiro delegado de El País, Juan Luis Cebrián, cando anunciou o despido dun cuarto da plantilla, mentres el se embolsaba 8,2 millóns de euros no 2011, un 228% máis que no 2000. Son argumentos parecidos aos que se empregaron tradicionalmente contra vostedes?
Para nós ese reproche da “boa vida gozada” preséntase como unha falacia con tintes indecentes. O asistencialismo, certa atención e soporte cara ás mulleres e homes con diversidade funcional pode dicirse que serviu para lavar a cara dunha moral que no fondo sempre entendeu que todo gasto vinculado cos nosos dereitos era un desperdicio. As leis que dan soporte os nosos dereitos incúmprense sistematicamente, os plans de emprego non nos sacaron en 30 anos de valores sempre próximos ao 80% de paro, segrégasenos do sistema educativo cara a contornas desvinculadas dunha sociedade que compra lotería para integrarnos, pódesenos esterilizar sen excesivo rubor legal… Onde foi que perdemos “a boa vida”?
Hai unha frase de Desmond Tutu que vén ao caso: “se es neutral en situación de inxustiza, elexiches o lado do opresor". Algo así pasou nestes últimos tempos en detrimento dos cidadáns con diversidade funcional, que malia pequenos avances lexislativos, seguíuselles aplicando a medida da ignorancia colectiva –por exemplo, a inmensa maioría dos edificios, dos locais de ocio, das tendas, dos bares, e até máis dun 30% dos da administración, incumpre a lei de accesibilidade, e fíxose a vista gorda-; é dicir, estábase co opresor. Pero agora, coincide en que rematou a neutralidade e a dimensión do opresor reactivouse ao motivar que as persoas en situación de dependencia volvan estar confinadas e recluídas coma noutros tempos? Desta volta volveron ser vostedes os primeiros en caer, sen consecuencias?
Si, evidentemente. Mais alá dun desexo san de xustiza colectiva materializado en pequenos logros e propostas, o sistema democrático que temos dende 1978 fracasou no recoñecemento e a posibilidade de exercitar dereitos básicos, elementais por parte das persoas con diversidade funcional. Trinta e cinco anos despois aínda seguimos dando voltas nas mesmas norias da accesibilidade ao medio, da educación inclusiva, mais vulnerábeis que outras á violencia... Como di un compañeiro meu pódese falar dun velado consenso euxenésico compartido pola dereita e a esquerda política cara ás persoas con diversidade funcional, aínda sendo certo que é unha elaboración cultural mais cultivada polo liberalismo económico, un virus xa presente nos cimentos do capitalismo, a competitividade, o productivismo… De todo iso tambén se infectou a esquerda nos últimos séculos e todavía lle enferma até o punto de decidirse con rotundidade onde ubicarnos nun mundo condicionado con ese liberalismo da economía que estraga a vida dunha xeración tras outra.
O sistema democrático que temos dende 1978 fracasou no recoñecemento e a posibilidade de exercitar dereitos básicos, elementais por parte das persoas con diversidade funcional
Por se houbera poucos detractores, en maio, o valedor do Pobo, Benigno López, avogou no Parlamento galego pola posibilidade de suspender a Lei de Autonomía Persoal “até que teñamos a sorte de vivir mellor fortuna” –o que implica, ademais, que todo obedece ao designio dos fados, e non ao goberno dos pobos, un pensamento que parecía superado xa con Tales de Mileto, no século VII antes da nosa era-. Con defensores así, precísanse inimigos?
Foi moi desafortunado ese comentario, pero tremendamente significativo e paradóxico nun defensor dos dereitos do pobo. Dános a medida do trasfondo social que subxace no incosciente colectivo: hai castas e hai seres abandonados, con menos recursos, con menos dereitos sociais e civis, que só se atenderán cando sobre algo da mesa ou cando se cociñe especialmente para eles. É dicir, non se nos recoñece como suxetos de dereitos, quen diga o contrario está a mentir. Ese tipo de frase, que logo leva a un deseño concreto de políticas, nos ve como sempre nos viron: obxeto da beneficencia social.
Os recortes empezan por nós porque hai un desequilibrio de poder tremendo e non temos canles para dicir non, como non sexa acudindo á xustiza e denunciando ese incumprimento, pero quen accede a ela e que tipo de xustiza vemos que se está a aplicar?
En Galicia estanse a dar os mesmos casos que no resto do Estado, é unha lei que produce un mesmo resultado: insatisfacción, humillación e inxustiza comparativa.
Teño a vantaxe, se se pode chamar así, de vivir en carne propia esta debacle dunha lei pensada para ser incumprida
Os recortes en materia de dependencia –ou de autonomía, mellor dito- propiciarán que se deixe de atender máis ou menos unhas 60.000 persoas nun ano e que se perdan uns 12.000 empregos no conxunto estatal. Alén, o único dato positivo de que a lista de espera baixou en 3.252 persoas en agosto corresponde a un espellismo estatístico, xa que non foron incluídos no sistema senón que probablemente faleceron nese mes sen seren nunca atendidos. A Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servicios Sociais plantexa dúas posibilidades: que esteamos asistindo a unha "demolición cruel e calculada" da Lei de autonomía persoal, ou ben, “que se está a cometer unha torpeza de tal calibre que esixiría a dimisión de máis dun responsábel ministerial". Vostede que opina?
Eu non son de números, nen estatísticas, aparte de por ter unha moi mala memoria. Resulta que todo é impreciso, non fiábel, manipulábel, etc. Dependendo nas máns de quen caian. Teño a vantaxe, se se pode chamar así, de vivir en carne propia esta debacle dunha lei pensada para ser incumprida. Son “carne dos servicios sociais” dende que adequerín o meu estatus de poliomielítica, por certo, froito dunha vacina en mal estado que o Goberno daquela –1960– decidiu suministrar a centos de nenos e nenas sen reparo algún, e nunca me gustou que me clasificaran dentro dunha lei que non foi pensada para nós senón para anciáns e onde se prima o asistencialismo e a dependencia contradicindo o propio nome da lei (Lei de Autonomía Persoal...).
Por certo, o neoconcepto diversidade funcional gozou de éxito desde un primeiro momento dentro do colectivo e parece que empeza a extenderse. Substitúe outros dous termos: minusválido que significa, literalmente, que vale menos; e discapacitado, que é anómalo nas súas capacidades. Este último tolérase de mellor grao, para vostede sería aceptábel?
Xa non. Para min non, polo menos. Discapacidade remite ao mundo no que se nos mide e pesa en función de rendementos competitivos, eses que só serviron para situarnos case como subespecie. Levounos moito tempo entender que a humanidade non ten un modelo platónico, ideal de si mesma. A humanidade é diversa e, en base a iso, algúns funcionamos nela con outros tempos, outras premisas, limitacións... e iso non nos fai menos humanos. Todo o que ten ver coa capacidade só é imposición da maioría estatística, non unha verdade incontrovertíbel da especie.
Vivir nun estado de exclusión permanente lévache ou á acomodación, a certa resignación vital, ou a intentar identificar os mecanismos dos que outros se serven para limitar a túa vida
Calcúlase que máis do 10% da poboación atópase nesta situación e que a cifra irá en aumento, pero o seu protagonismo é invisíbel. Quere contribuír coa súa figura a desterrar esta asentada dinámica?
Non... Non me guía esa pretensión, polo menos, de xeito premeditado. Todo é mais prosaico do que parece. Vivir nun estado de exclusión permanente lévache ou á acomodación, a certa resignación vital, ou a intentar identificar os mecanismos dos que outros se sirven para limitar a túa vida. Iso, que pode entenderse como unha dinámica de visibilización, de protagonismo normalizado, só é o recoñecemento da miña condición de disciudadana, o malestar que iso me provoca, e a miña reacción belixerante, non resignada, para impedir que me sigan fastidiando a vida.
Dous días antes da VI marcha pola visibilidade das persoas con diversidade funcional, o pasado 20 de setembro, catro activistas –entre eles os galegos Antón Novoa e Anxela López- pecháronse nas oficinas da Comisión Europea en Madrid para obteren resposta a dous escritos dirixidos a José Manuel Barroso (Presidente da Comisión Europea), Martin Schulz (Presidente do Parlamento Europeo), Mario Draghi (Presidente do Banco Central Europeo) e Herman Van Rompuy (Presidente do Consello Europeo. Cumpriuse o compromiso? Que responderon?
Pois os compromisos alcanzados se materializaron en xuntanzas con eurodiputados españois (que xa tiveron lugar); outra co portavoz do Parlamento Europeo, co Xefe da representación da Comisión Europea en Madrid; e coa oportunidade de asistir a un evento da Vice-Presidenta Reading no que poderiamos facer unha pregunta sobre qué vai pasar cos sistemas de Asistencia Persoal en Europa. Ben, son vías abertas, pero, non é penoso que para lograr estas migallas tiñamos que facer este tipo de accións alarmantes para conseguilas? Nun mundo diferente o poder transmitir os desexos ou queixas dun pobo tería que ser visto e artellado con toda sinxeleza. Nós somos o poder, pero resulta difícil invertir esa pirámide…
Nun mundo diferente o poder transmitir os desexos ou queixas dun pobo tería que ser visto e artellado con toda sinxeleza. Nós somos o poder, pero resulta difícil invertir esa pirámide…
Unha das cartas plantexaba o seguinte: “Hai poucos días tivemos ocasión de ver unha competición deportiva na que o primeiro paralímpico foi un discapacitado severo, Sir Stephen William Hawking, que en nada minguou a súa dignidade aceptando o titulo de Lord porque, vostede sábeo, conta con 14 persoas que realizan labores de asistencia persoal e con iso leva unha vida na que el decide con liberdade que, cando e como quere facer as cousas. Son dúas caras dunha mesma moeda que opera baixo as mesmas leis de Europa”. Publicítase habitualmente esta dicotomía entre o heroe superador –normalmente un deportista- e o paria inútil, por tanto, culpabilizábel?
Honestamente, non creo que Stephen Hawking conte con 14 asistentes persoais no seu día a día. Paréceme un número excesivo. A risco de equivocarme, ese número de persoas foi coas que se lle dotou na súa visita a Galicia en 2008, precisamente, supoño, que para remediar os seus limites funcionais nun entorno limitante para calquera persoa con diversidade funcional que se desenvolva, por exemplo, en Santiago de Compostela.
Claro... Esa dicotomía da que fala vostede vén da man desas anteolleiras do sistema cando repara en nós: estamos defectuosos, incompletos, mancados. E o estamos nun mundo forxado a músculo de competitividade, de preeminencia do home ou a muller mais apta, agresiva, perspicaz, completa, etc. De tal xeito que cando a sociedade alienante nos incorpora ao seu discurso, faino en termos que validan a súa construción. Por exemplo, nós non facemos deporte, nós exercitámonos “por espírito de superación ante as dificultades da vida”, porque temos un “coraxe ante a adversidade e tralalalá…” As veces, é tan ridículo como estigmatizante, pero o entorno fomenta esa visión, mentres eles e elas fan deporte por saúde, pracer, benestar.
Cando a sociedade alienante nos incorpora ao seu discurso, faino en termos que validan a súa construción. Por exemplo, nós non facemos deporte, nós exercitámonos “por espírito de superación ante as dificultades da vida”
Por que Equo Galicia decidiu adherirse á Alternativa Galega de Esquerda?
É o momento de converxer, baixo mínimos, quizá, pero a partires deses mínimos esperamos crecer. EQUO acaba de nacer e a xente aínda non nos coñece. Para nós estas eleccións son unha oportunidade única: que se sepa de nós e que outras forzas políticas asuman nos seus programas o ecoloxismo con medidas concretas, coherentes. Non somos egoístas e compartimos!
Un dos principais cuestionamentos da alianza da Alternativa Galega de Esquerda é que misture partidos soberanistas e outros que non o son. Cal é a posición de Equo ao respecto?
Equo en Galicia ten plena autonomía e poder de decisión, e vén exercéndoo dende o primeiro día.
É o momento de converxer, baixo mínimos, quizá, pero a partires deses mínimos esperamos crecer. EQUO acaba de nacer e a xente aínda non nos coñece. Para nós estas eleccións son unha oportunidade única
Pero traballan pola consecución da soberanía galega?
En Equo Galicia cremos que só a nós corresponde decidir o xénero de cousas que nos afectan e non poden vir desde Madrid.
Na súa vertente ecoloxista, Equo defende o rural galego, precisamente un dos puntos históricamente máis problemáticos para a vida dos galegos dependentes. Cal é a situación actual?
Refírese á situación dunha persoa dependente no rural galego?
Refírome.
Pois esa son eu! Vivo nun lugar de 120 veciños onde tiven que aprender a facelo todo por min mesma porque non existimos dentro do entramado de recursos sociais que non sexan os asistenciais (contrarios a unha vida independente), nin para o transporte, o apoio no fogar, etc. Tamén me neguei a recurrir ao apoio veciñal, aínda que sei que é tradicional en Galicia, porque non estaba plantexando un mundo de troco onde hoxe te axudo a ti e logo me axudas a min. Non, a miña situación de aillamento e falta de recursos é unha cuestión de dereitos humanos: teño dereito a elexir onde vivir, e ten que ser nunha vivenda digna e accesíbel, e contar con Asistencia Persoal dignamente remunerada, e poder moverme dun sitio para outro, e acceder a unha alimentación correcta e a desenvolver o meu traballo tal e como o faría, e cos mesmos atrancos, que calquera persoa que viva no rural coma min.
Teño dereito a elexir onde vivir, e ten que ser nunha vivenda digna e accesíbel, e contar con Asistencia Persoal dignamente remunerada, e poder moverme dun sitio para outro
Equo ten unha presenza minoritaria na Alernativa, cal é a súa achega?
Equo sobre todo é un partido novo ao que se lle fixo galopar nunhas eleccións xeráis, municipais e agora autonómicas case sen ter nacido como tal. A súa achega está en incorporar a xente da rúa que elaborou liña a liña o seu programa electoral, que elixe os seus representantes en eleccións primarias, que recurre a internet para exercitar a opinión e a democracia participativa, que se move só cos diñeiros dos seus afliados e simpatizantes. Pero tamen é o partido que aglutina por primeira vez á meirande parte dos partidos ecoloxistas do Estado e que conta co apoio do Partido Verde Europeo.
Equo potencia a diversidade como concepto no seu sentido amplo, non só a diversidade na flora e fauna, senón a diversidade humana onde o único que temos en común e que cada un de nós é diferente!
Vostede é ecoloxista e representa a unha organización que ten como máxima o ecoloxismo. A inmensa maioría das organizacións agrarias están aínda dirixidas por homes -en Galiza temos a excepción do Sindicato Labrego Galego-, e as políticas agrarias seguen a estar pensadas para eles. A propia concepción da alimentación como un sistema de mercado, non como un dereito ou unha necesidade descende desa tradición. Coñecemos tamén que na complexa situación do agro na comunidade existe unha histórica desigualdade entre labregos e labregas. Por exemplo, só o 5% das nosas labregas se xubilará coa pensión completa, fronte o 80% dos homes, porque elas foron consideradas "axuda familiar" e non cotitulares até hai moi pouco. Cal é a súa posición nesta materia?
Todo iso que di, sóame moito... Como xa lle dixen, vivo no rural e vexo como se reparte e trata o traballo da muller na casa e nas explotacións familiares. Por outra banda, tamén me soa moito porque reflexa a situación tamén de moitas mulleres con diversidade funcional nestas comunidades onde se lles nega o dereito ó traballo no mercado aberto, pero se lles explota na casa como mao de obra "bruta", facendo as tarefas da casa, coidando os vellos... Isto é tamén unha das razóns polas que me integrei en Equo, porque creo que podo achegar a miña experiencia vital como muller con diversidade nun mundo que estigmatiza e discrimina á muller e ao diferente. Equo potencia a diversidade como concepto no seu sentido amplo, non só a diversidade na flora e fauna, senón a diversidade humana onde o único que temos en común e que cada un de nós é diferente! Ese é un valor engadido á filosofía ecoloxista que supón artellar un novo sistema social e económico pensado para todas as persoas, non cabe a exclusión, a excepción, as medidas graciábeis, non, trátase de xustiza e dereitos.