"Estes últimos anos demostraron que se imos xuntas somos quen de conseguir cousas"

Presentación da Plataforma © Plataforma Feminista Galega

"Coa Plataforma polo Dereito ao Aborto comezamos a detectar a necesidade de unirnos. Fomos quen de poñernos de acordo, de traballar conxuntamente a pesar das diferenzas. E xa daquela había compañeiras que dicían que aquel marco, acaido para unha loita concreta, ía quedar pequeno para as nosas reivindicacións como feministas". Continuando co espírito e a metodoloxía de traballo unitario que marcou a loita (exitosa) contra o intento do PP de recortar o dereito ao aborto, unha boa parte das organizacións e activistas que conformaban a Plataforma decidiron hai uns meses avanzar na construción dun espazo de unidade e un instrumento de participación política para o feminismo galego. Plataforma Feminista Galega presentouse publicamente este martes en Compostela. 

"Os anos nos que se foran conseguindo algúns avances formais en dereitos e igualdade contribuíran tamén a atomizarnos. Porén, a loita contra o recorte do dereito ao aborto volveu unirnos"

"Os anos nos que se foran conseguindo algúns avances formais en dereitos e igualdade contribuíran tamén a atomizarnos. Porén, a loita contra o recorte do dereito ao aborto volveu unirnos" -explica Paula Ríos- "A partir de todas as sinerxías que se foran creando, xorde a proposta de seguir con este traballo en común e de ir máis adiante". "Non é só o aborto: son os dereitos sexuais e reprodutivos, o acceso das parellas lesbianas e as mulleres soas á reprodución asistida, o acceso á sanidade... Vendo a experiencia, vendo que somos quen de falarnos entre todas e que sempre actuamos con respecto á diversidade, decidimos iniciar este proceso", destaca Pilar Estévez. 

Na Plataforma Feminista Galega están representados partidos políticos, sindicatos, organización sociais, activistas a nivel individual e, por suposto, colectivos feministas. A maior parte dos que conformaban previamente a Plataforma polo Dereito ao Aborto. "Non estamos aínda todas as organizacións que estabamos na Plataforma, pero cada colectivo ten os seus tempos", sinala Paula Ríos. "Levamos seis meses de debate interno, preguntándolles ás organizacións que compoñen a plataforma se querían involucrarse en algo máis", explica Pilar Estévez, que destaca a importancia da creación deste novo espazo para dar entrada a unha nova xeración de feministas: "Había moitas mulleres, sobre todo moitas mozas moi novas, que non tiñan outro marco no que facer activismo. Era importante integrar a estas mozas, que son o recambio xeracional do movemento".

"Había moitas mulleres, sobre todo moitas mozas moi novas, que non tiñan outro marco no que facer activismo. Era importante integrar a estas mozas, que son o recambio xeracional do movemento"

"Queremos que a Plataforma sexa un espazo para o debate e a formación, un punto de encontro para as mulleres e, sobre todo, unha ferramenta para o traballo en común do feminismo en Galicia, para cambiar cousas", explica Paula Ríos. "Estes dous últimos anos demostráronnos que se imos xuntas somos quen de conseguir cousas", engade. O funcionamento será, destacan, semellante ao que viña marcando a previa Plataforma polo Dereito ao Aborto: "horizontalidade, asembleas, cunha coordinadora" e, ademais, todas as decisións tomaranse por consenso. O proceso de construción da entidade, aínda en marcha, "está aberto a novas adhesións", destaca Pilar Estévez. "Podemos confluír todas en accións. Collemos todas, non sobra ninguén", di.

 

A loita contra as violencias machistas

O movemento feminista ten moitas batallas que dar. Unha das máis importantes é a loita contra a violencia machista que esta mesma semana acabou coa vida doutra muller, en Vigo, e contra as violencias machistas, o marco social que deriva nesas accións. O vindeiro 7 de novembro os movementos feministas de todos os territorios do Estado levarán a cabo mobilizacións que terán como acto central unha marcha en Madrid, no que o movemento feminista galego deixará oír a súa voz. Ese día tamén se levarán a cabo accións en Galicia e, previamente, a Plataforma Feminista Galega presentará mocións en todos os concellos galegos en apoio das demandas da marcha. De feito, este mesmo luns o pleno do Concello de Santiago aprobou unha declaración institucional neste senso.

O vindeiro 7 de novembro os movementos feministas de todos os territorios do Estado levarán a cabo mobilizacións que terán como acto central unha marcha en Madrid

A Marcha Estatal Contra as Violencias Machistas esixe que este problema pase a ser "unha cuestión de Estado". "Non hai un compromiso real por parte das forzas políticas" -denuncia Paula Ríos- "Debe ser unha cuestión de Estado. Isto significa que independentemente de quen estea no Goberno, teñen que aplicarse unhas medidas mínimas. Debe ampliarse a lexislación, e os Concellos deben comprometerse a ter o persoal coa formación necesaria e teñen que ter os recursos orzamentarios necesarios. Ademais, van ter que colaborar na prevención, en conxunto cos centros de ensino".

"Esta marcha, que xorde do movemento feminista, dende a base, será o inicio dun ciclo moi amplo de mobilización", adianta, sinalando que non é casual a escolla da data (unhas semanas antes das eleccións xerais). "Queremos marcarlles a axenda aos partidos. Que se comprometan a aplicar estas medidas", di. "Tivemos a precaución de facela á marxe dos partidos, aos que se convida a participar, a apoiar, pero sen ningún protagonismo, porque desta volta as protagonistas teñen que ser as mulleres, nas vítimas e non no aproveitamento electoralista das nosas loitas", destacan.

"Queremos marcarlles a axenda aos partidos. Que se comprometan a aplicar estas medidas"

Entre as demandas da marcha, esíxese que "a loita e os recursos inclúan tanto a violencia que exerce a parella ou exparella coma as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas e todas as violencias machistas". Ademais, pídese que "o foco se poña na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social".

Dende Galicia estase a organizar un grupo para a viaxe a Madrid. A Plataforma Feminista Galega ten xestionado 560 prazas de tren para quen se queira achegar á Marcha contra as Violencias Machistas. A viaxe sairá de Vigo e A Coruña ás 12 da noite do día 6 de novembro, facendo parada en Pontevedra, Vilagarcía, Compostela e Ourense con chegada a Madrid ás 8 horas do día 7. A volta de Madrid está prevista para o día 7 de novembro con saída ás 12 da noite e chegada ás 8 da mañá do día 8.

Cartaz da marcha © Marcha Estatal contra as Violencias Machistas
Acción contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo
Faixa contra a violencia machista na marcha a prol do dereito aborto do 9 de marzo CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos
Presentación da Plataforma © Plataforma Feminista Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.