Estudantes piden a dimisión de Arias Mosquera como presidente do Consello Social da USC

José María Arias Mosquera, presidente do Consello Social da universidade © USC

A sinatura de máis dun cento de estudantes da USC encabezan unha carta aberta que pide a dimisión de José María Arias Mosquera como presidente do Consello Social da universidade, sinalando a pensión de 15 millóns que cobrará tras abandondar o Banco Pastor e tamén as informacións xornalísticas que o vinculan á trama Gürtel. Os e as asinantes conforman a maioría dos e das representantes do estudantado no Claustro, así coma un gran número de representantes das Xuntas de Facultade.

A carta sinala a pensión de 15 millóns que cobrará tras abandondar o Banco Pastor e as informacións que o vinculan á Gürtel

"Nas últimas semanas tivemos coñecemento da pensión que lle corresponderá ó señor D. José María Arias Mosquera pola súa xestión na dirección do recentemente crebado Banco Popular. Esta ascende a máis de 15 millóns de euros, cifra que claramente contrasta coa realidade material da nosa comunidade universitaria e coa situación de precario financiamento á que nos somete o goberno da Xunta de Galicia. Contrasta tamén cos 771 euros ó mes que reciben de pensión media as galegas", sinala o documento. O texto engade que "así mesmo, fomos coñecedoras das investigacións internas do propio Banco Popular que apuntan a que D. José María Arias Mosquera ordenou a destrución de documentos que poderían probar
presuntos delitos de blanqueo de capitais".

"Non podemos admitir a continuidade dunha persoa á fronte do Consello Social salpicada pola corrupción. Entendemos que isto atenta directamente contra os principios recollidos nos Estatutos da Universidade"

"Non podemos admitir a continuidade dunha persoa á fronte do Consello Social salpicada pola corrupción. Entendemos que isto atenta directamente contra os principios recollidos nos Estatutos da Universidade, en tanto que a corrupción é directamente incompatible cos valores democráticos", conclúe unha carta que lles demanda ao Consello de Goberno da universidade e ás distintas Xuntas de Facultade a esixir igualmente o abandono de Arias Mosquera "como expresión de decencia da USC perante as súas actividades".

Sinaturas de persoal administrativo e de servizos e persoal docente e investigador completan unha petición que será entregada este xoves no rexistro da USC. Xa este mércores pola tarde, na xuntanza do Consello Social da universidade, representantes do estudantado trasladaron a súa petición ao propio órgano que de momento preside Arias Mosquera.

 

José María Arias Mosquera, presidente do Consello Social da universidade © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.