EU propón a creación dun Foro Alternativo Participativo na Coruña

Dominio Público Praza Pública

Esquerda Unida propón a creación dun Foro Alternativo Participativo na Coruña “onde os coruñeses sexan os verdadeiros protagonistas do futuro da cidade”. A proposta nace como resposta ao plan do Goberno municipal Coruña Futura, que a formación considera "unha pantomima". O concelleiro César Santiso manterá nas vindeiras semanas unha rolda de contactos cos movementos sociais, veciñais, ecoloxistas, sindicatos, empresarios, colexios técnicos e forzas políticas para construír este foro. O obxectivo é deseñar "un proxecto estratéxico que defina que tipo de cidade queremos para o futuro e que defina as liñas de actuación económicas, sociais e medioambientais".

A proposta nace como resposta ao plan do Goberno municipal Coruña Futura, que a formación considera "unha pantomima"

Segundo a coalición de esquerdas, "o foro cidade de Coruña Futura excluíu as forzas políticas da oposición, que representan ao 45% dos coruñeses e coruñesas, as asociacións de mulleres, as organizacións ecoloxistas e as asociacións veciñais que representan o sentir da veciñanza dos distintos barrios". Para EU o Foro Cidade de Coruña Futura constitúe "un engano a cidadanía, un fraude do goberno municipal que de novo actúa de costas á cidadanía".

César Santiso manterá nas vindeiras semanas unha rolda de contactos cos movementos sociais, veciñais, ecoloxistas, sindicatos, empresarios, colexios técnicos e forzas políticas para construír este foro

EU denuncia que o PP "non só perdeu 18 meses en iniciar o proceso de definición de cidade, senón que cando decide dar o paso o fai a golpe de talonario. Unha vez máis utiliza fondos públicos para pubilicitarse e xustificar a súa incapacidade e inacción de goberno, malgastando 700.000 € en contratar os servizos dunha empresa americana para facer un traballo que perfectamente podería desenvolverse con medios autóctonos mediante a sinatura de convenios onde participen entes públicos (Concello Universidade, Deputación e Xunta), colexios técnicos e axentes económicos locais". Para Esquerda Unida esta opción "que permitiría promover un clúster tecnolóxico e un centro de decisións local", permitiría ademais "repercutir todo investimento en xeración de emprego para os coruñeses e coruñesas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.