EU propón converter os espazos verdes abandonados en hortas urbanas

Horto urbano Dominio Público gl.wikinoticia.com

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes na Coruña presentará unha moción para crear unha rede de hortas urbanas na cidade a partir dos espazos verdes infrautilizados, abandonados ou degradados. Así, segundo a formación, ademais de ofertar unha actividade alternativa de lecer, deporte e contacto coa natureza, como a horticultura, posibilita ás persoas máis necesitadas unha fonte adicional de recursos. Así mesmo, defende a coalición, deste xeito fomentaríase a agricultura ecolóxica.

O voceiro de EU-V, César Santiso, lembrou en rolda de prensa que preto do 20% da poboación coruñesa se atopa en risco de exclusión social, e dicir un de cada cinco coruñeses están no limar da pobreza por mor da crise e a conxuntura económica. Así mesmo, explicou que as hortas urbanas fan a función de formación para persoas desempregadas "de cara a facilitar a súa reconversión cara unha actividade primaria como a agraria que inexorabelmente debemos retomar e que axudará a cambiar o modelo produtivo".

Esquerda Unida salienta que o sector da agricultura ecolóxica leva décadas en constante crecemento, incrementando o pasado ano a súa facturación nun 28%, uns 22 millóns de euros en Galicia

Esquerda Unida salienta que o sector da agricultura ecolóxica leva décadas en constante crecemento, incrementando o pasado ano a súa facturación nun 28%, uns 22 millóns de euros en Galicia, e incrementando as terras cultivadas nun 8% até acadar 15.300 hectáreas, das cales máis de 12.000 se atopan en Lugo e Ourense. A formación de esquerdas subliña que a agricultura ecolóxica utiliza técnicas sustentables e menos dependentes do petróleo, con ausencia total de pesticidas, plagicidas e agroquímicos, "o que permite ofertar produtos diferenciados de maior calidade, sans e respectuosos co medio ambiente, ademais de avanzares na soberanía alimentar ao evitar a dependencia das grandes multinacionais agroquímicas".

César Santiso afirmou que “esta é una iniciativa eficiente que reutiliza espazos para goce da cidadanía, esperamos que todos os grupos políticos da corporación teñan altura de miras e apoien esta proposta que supón beneficios para a cidadanía”.

Horto urbano Dominio Público gl.wikinoticia.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.