Eu tamén son palestin@

Logotipo da campaña CC-BY impalestinian

"I am palestinian porque todos somos palestinos". Esa é a filosofía da campaña que desde este martes circula polas redes sociais e que pretende "mostrar o apoio internacional á causa do pobo palestino" a través da difusión de "accións de solidariedade" en forma de carteis e mensaxes.

A Asociación Galiza por Palestina arrancou ás 12 do mediodía cunha campaña online coa que queren amosar o seu compromiso, e o de milleiros de persoas, cun pobo do que defende o seu dereito de autodeterminación e o de ter un estado propio, así como "o dereito ao regreso dos refuxiados e refuxiadas e a restauración do territorio e propiedade ilegalmente expropiada".

A campaña recompila fotografías con mensaxe a través de tres redes sociais

O obxectivo desta iniciativa é xuntar a través de varias redes sociais (Twitter, Facebook e Tumblr) ou o correo electrónico o maior número posible de fotos na que os implicados dan a cara polos dereitos de Palestina engadíndolle en diversos idiomas a súa propia declaración para completar a frase que serve como lema á campaña e aos carteis que se poden descargar na propia web. "Eu son palestin@ porque...".

"Queríamos facer unha campaña que estivese dentro das nosas posibilidades e que servise para dar visualización ao problema e tamén, e sobre todo, para enviar  unha mensaxe de solidariedade a Palestina", explica Fernando Trigo, membro de Galiza por Palestina e un dos organizadores da iniciativa. "Porque nós, desde o noso país, sentímonos ligados a eles e sentimos tamén a súa dor", engade.

O obxectivo da iniciativa é xuntar todas as imaxes nunha exposición ou nun libro que axuden a recoller fondos para o pobo palestino

As fotografías, que xa empezaron a colgarse no Facebook ou no Twitter da campaña, reúnen tanto xente do común como personaxes coñecidas do mundo da cultura, que fan chegar o seu apoio á causa a través da súa imaxe e das súas reivindicacións en forma de carteis. Malia que a iniciativa xorde en Galicia, o obxectivo da asociación é "proxectala todo o que se poida" a outros lugares para recoller tamén "a solidariedade internacional". Dependendo da cantidade de imaxes que se recollan, o obxectivo nun futuro é recompilar todas elas nun libro ou nunha exposición que "axude a recoller fondos para o pobo palestino".

Nos vindeiros días, e aínda que aínda non hai data fixada, farase unha presentación pública da campaña en Compostela. Unha campaña que ten prevista unha duración dun ano, pero que podería alongarse no tempo dependendo do seu éxito de convocatoria.

"Con esta iniciativa centos de persoas participarán en diferentes accións e propostas para mostrar que Palestina non está soa", reivindica a asocaición, que lembra que toda a información sobre as actividades pódese atopar no blog impalestinian.tumblr.com, no Twitter @iam_palestinian e na páxina do Facebook da campaña.

Unha das primeiras fotografías da campaña CC-BY impalestinian
Unha das primeiras fotografías da campaña CC-BY impalestinian

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.