"Europa cre que o Sur é un problema e que ela ten solución para todo. Pero ten moito que aprender do Sur"

Boaventura de Sousa Santos CC-BY-SA Ribamar Neto

Boaventura de Sousa Santos foi un dos protagonistas da XXXVI Semana de Filosofía de Pontevedra, na que xa participara nunha das súas primeiras edicións. O profesor portugués centrou a súa intervención ("Aprendizaxes globais: descolonizar, desmercantilizar e despatriarcalizar desde as Epistemoloxías do Sur”) nas ensinanzas que os países e movementos sociais do sur poden achegar ás sociedades do norte, unha defensa das epistemoloxías do Sur que vén realizando nas súas últimas publicacións.

Nun tempo "de preguntas fortes e respostas febles", como el mesmo escribe nunha das súas obras, Boaventura de Sousa foi do xeral ao particular, reclamándolle a Europa unha transformación das súa ollada cara ao resto do planeta ("non hai xenocidio sen epistemicidio", dixo) e das súas actitudes cara ás poboacións que, arrastradas pola destrución dos seus países, buscan unha vida digna nas cidades do norte. Falamos con el.

O Norte segue ollando con superioridade ao Sur, no económico, no militar, no político, pero tamén no campo do coñecemento?

"Para poder aprender, hai que desbotar a idea de que o sur é un problema"

Europa pasou cinco séculos dominando o mundo e ten moitas dificultades para comprender o resto do planeta. Europa neste momento non ten solucións para os seus problemas, que son os problemas dun continente en crise, cunha extrema dereita que crece e que quere destruír a propia UE. Ademais, Europa non é quen de atopar unha solución para os refuxiados, e a pesar de que é un continente moi envellecido e de que necesita xente nova -20 millóns só ata o ano 2030-, ten eses mozos internados en campos de refuxiados, mozos que son informáticos, enxeñeiros... E a pesar diso o discurso dominante fala do 'perigo' da inmigración, sobre todo en período electoral. Europa necesita aprender co mundo e para iso debe coñecer o que se fai noutros lugares, porque durante moitos séculos a Europa non lle interesaba coñecer o mundo, senón tan só facerse coas súas riquezas naturais. 

Que son as epistemoloxías do sur?

En Europa xurdiron moitos movementos sociais e grupos de persoas que están moi descontentas coa súa situación actual e ás que lles gustaría unha nova aprendizaxe das realidades do mundo. Para poder aprender, hai que desbotar a idea de que o sur é un problema. Europa ten esta idea metida na cabeza: que Europa é a solución e o sur é un problema. Parece que os europeos temos solución para todo, pero isto non é verdade e temos moito que aprender do Sur. Semella, ademais, que temos moi mala memoria, porque no século XX este foi o continente máis violento do mundo, con 78 millóns de persoas mortas en guerra. Europa é un continente que necesita aprender coas experiencias do mundo e para iso é preciso valorar o coñecemento que existe. Iso é o que intentan as epistemoloxías do sur, que procurar valorizar o coñecemento daqueles que loitaron contra o colonialismo e o capitalismo europeo.

Que pode aprender Europa dos países do sur, das súas sociedade, movementos sociais, academias...?

"No sur temos agora unha riqueza moito maior de experiencias de economía cooperativa e solidaria, temos experiencias moi interesantes de democracia local"

Por exemplo, no sur temos agora unha riqueza moito maior de experiencias de economía cooperativa e solidaria, iniciativas que están moito máis avanzadas fóra de Europa que no continente. Por que non aprendemos máis desas economías que son orientadas polo benestar das persoas e non pola acumulación de capital? O mesmo coa democracia, onde temos experiencias moi interesantes de democracia local nos países do sur: os orzamentos participativos no Brasil, pero tamén na India ou en Sudáfrica, con iniciativas moi innovadoras. Temos tamén a experiencia de países moi heteroxéneos, que acollen no seu interior a varios grupos étnicos e nacións, que conseguiron unha acomodación dentro do Estado moito máis axeitada que en Europa. Sobre todo España, tendo en conta as realidades de Cataluña, Andalucía, País Vasco e Galicia, ten que aprender a idea da plurinacionalidade, mirando por exemplo a Etiopía. O mundo está cheo de experiencias moi útiles, pero Europa non as coñece.

Boaventura de Sousa, este mércores en Pontevedra © Aula Castelao de Filosofía

Que papel está a xogar o ensino, sobre todo as universidades? Están a fomentar o pensamento crítico ou convertéronse nunha engrenaxe máis do sistema neoliberal?

"Temos que descolonizar as nosas universidades"

Temos que descolonizar as nosas universidades. Hoxe a universidade é un sistema de educación onde só se ensina o coñecemento dos vencedores, unha historia do mundo vista por Europa, todos os coñecementos son eurocéntricos. Mesmo recibimos nas nosas universidades a moitos estudantes latinoamericanos ou africanos e ensinámoslles que os nosos heroes nacionais foron os que mataron o seu pobo. A universidade foi sempre moi arrogante e pensa que é a única que ten un coñecemento válido, pero aquí en Pontevedra vemos todos os anos como a Semana de Filosofía organiza e difunde un coñecemento de primeiro nivel, e moitas das persoas que interveñen non están na universidade. A universidade corre ademais o risco de transformarse nunha empresa capitalista máis, onde só interese o coñecemento que xere patentes. Pero non todo o coñecemento pode nin debe ser patentado.

Pode haber unha alternativa ao capitalismo? Ou seguimos ancorados nesa fase que dende os anos oitenta leva repetindo que non hai outro sistema posible?

"Temos que desenvolver un socialismo doutro tipo, un socialismo intercultural, anticolonialista, antipatriarcal, antihomófobo"

Por suposto que si. Todo o que existiu na historia tivo un comezo e un final. Non sempre existiu o capitalismo, que é un fenómeno que comeza no século XIV-XV e que nalgún momento rematará. O que veña despois pode ser peor que o que agora temos, pero tamén pode ser mellor. As sociedades indíxenas en América Latina están a darnos algunhas leccións moi interesantes: a idea dunha vida en harmonía coa natureza, a idea do ben-vivir... Temos que desenvolver un socialismo doutro tipo; a palabra socialismo non debe ser abandonada, pero o socialismo debe ser tamén descolonizado, debe ser un socialismo intercultural, anticolonialista, antipatriarcal, antihomófobo, é un socialismo máis amplo. Pero debemos manter o horizonte das nosas conviccións, é algo fundamental, porque do que se trata é de loitar por unha sociedade mellor que aínda non existe e que temos que procurar.

A Semana de Filosofía está centrada esta ano nas fronteiras. Vivimos nun mundo globalizado no que por unha banda non hai fronteiras para o capital, pero no que polo outro se erguen muros, en ocasións de forma literal, para impedir a circulación de persoas. Como valora o que está a pasar en Europa e os Estados Unidos en relación ás poboacións migrantes?

"Agora Europa está asombrada pola idea de que o colonizado veña para a metrópole, e está a vir polas condicións que nós mesmos creamos"

Estamos a vivir un mundo contraditorio. Por unha banda, é un mundo globalizado: Internet non ten fronteiras, o capital financeiro non ten fronteiras. E por outro lado, é un mundo de muros, nos Estados Unidos, en Palestina, en Hungría, en Melilla e Ceuta... Hai que ter claro que hai refuxiados porque Europa non resolveu ben o seu dominio colonial, non lles deu independencia verdadeira a eses pobos, non lles permitiu as condicións para seren realmente independentes. E agora Europa está asombrada pola idea de que o colonizado veña para a metrópole, e está a vir polas condicións que nós mesmos creamos. Deberiamos ser máis xenerosos na aceptación deses inmigrantes e refuxiados, é un deber histórico que temos en Europa. 

E algo semellante pasa nos Estados Unidos, que destruíron a economía de México ou que por exemplo en 2009 derrubaron cun Golpe de Estado a Manuel Zelaya en Honduras. E agora quéixanse de que os hondureños queiran entrar nos Estados Unidos. Os países do primeiro mundo son cada vez máis agresivos nas súas políticas e as poboacións do sur resisten movéndose, fuxindo, movendo as fronteiras. Non ten sentido que o capital financeiro se mova libremente e as persoas non.

E como analiza o momento político que estamos a vivir en Europa, cun ascenso da extrema dereita e das posicións reaccionarias en case todos os países, que mesmo están a destruír o sistema de benestar que se creara durante décadas?

"A extrema dereita avanza porque hai moita xente descontenta. Por iso é importante que destas eleccións en España saia un goberno de coalición de esquerdas"

Non é a extrema dereita a que está a destruír o sistema da socialdemocracia, porque a socialdemocracia comezou a ser destruída polos propios partidos socialdemócratas, que comezaron a aceptar a política de austeridade. Os países do sur, como España, Portugal, Grecia e Italia, tivemos algunhas vantaxes por pertencer á UE, pero a partir dun momento dado as noticias comezaron a ser malas, porque o euro é unha moeda que é boa para economías como a alemá, non para o sur. E a extrema dereita avanza porque hai moita xente descontenta con esta situación. 

Portugal é o único país de Europa gobernando dende a esquerda, cun executivo socialista con apoio de Bloco e PCP, e hoxe é unha solución de éxito, a pesar de que no comezo dicían que este goberno ía traer o caos. Portugal demostrou que o neoliberalismo é unha mentira, non aumenta o emprego nin o investimento e o único que fai é transferir riqueza dos pobres para os ricos. A extrema dereita está a aproveitar isto e por iso é moi importante que destas eleccións en España saia un goberno de coalición de esquerdas que goberne dende a esquerda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.