Facenda segue a multar emigrantes e agrava a situación dos pensionistas galegos

Reunión de xubilados no Concello de Cervo © Concello de Cervo

Xubilado, antigo emigrante, cobrando menos de 1.000 euros de pensión e agora obrigado a pagarlle a Facenda un mínimo de 3.000 euros extras polas declaracións da renda dos últimos cinco exercicios entre sanción e intereses polo atraso. Este é o caso dun galego afectado pola campaña que está a levar a cabo a Axencia Tributaria desde hai varias semanas e coa que procura que milleiros de emigrantes tributen polas pensións que cobran dos países onde traballaron durante anos, malia que nunca foron avisados de que o tiñan que facer. Como no caso deste ortegano que traballou en Suíza, os seus escasos ingresos non supoñen un atranco para que o Estado lle reclame o que nunca lle reclamou antes. Ou que teña que facer a declaración á que non estaba obrigado.

    Milleiros de pensionistas galegos son requiridospara pagar multas por non declarar pensións do estranxeiro malia nunca ser advertidos

Non foi o primeiro caso. Nin será o último. Milleiros de xubilados galegos están a recibir cartas desde hai semanas onde se lles require que acrediten os subsidios recibidos doutros países desde o ano 2008 e que tributen por eles. Non só iso, senón que tamén lles exixe unha multa ao considerar que non cumpriron coas súas obrigas fiscais, malia que na inmensa maioría dos casos nunca foran informados sobre a necesidade de pagar polas pensións da diáspora, e o pago dos intereses polo atraso no pagamento.

O límite xeral sitúase nos 11.200 euros, polo que todos aqueles que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día. Xubilados que reciben uns 800 euros mensuais están agora obrigados a pagar unhas cantidades que poden oscilar entre os 3.000 e os 4.500 euros. Pero hai casos en Galicia (de xubilados con pensións máis altas) nos que as reclamacións da Axencia Tributaria superan xa os 20.000 euros.

    Todos os emigrantes que perciban dúas pensións e cobren máis de 11.200 euros anuais terán que pagar agora a Facenda

Por descoñecemento, por mala información desde as autoridades españolas no estranxeiro ou por dar por válido un borrador que nunca ten en conta as pensións estranxeiras, son moitos os emigrantes que están recibindo nas súas casas unha desagradable sorpresa. Mentres que os pensionistas en España que cobren menos de 22.000 euros anuais están exentos de presentar a declaración, xa que o Estado xa lles retén unha cantidade, o límite descende aos 11.200 no caso dos emigrantes ao ter dous pagadores e non ter as súas pensións da diáspora imposición ningunha. E se só pagan polos exercicios fiscais dos últimos cinco anos é porque se considera que de aí cara atrás a falta estaría prescrita.

A queixa é xeral entre todos os afectados: nunca foron advertidos de que tiñan que tributar polas súas pensións no estranxeiro e incluso hai sentenzas xudiciais que poñen en dúbida que teñan que facelo, ao provir eses cartos dun organismo público. Pero Facenda segue adiante coa súa campaña, polo que as cartas seguirán chegando. De feito, esta só é unha parte da campaña da Axencia Tributaria, que polo momento só afecta os emigrados a países europeos, pero que se prevé ampliar aos que tamén cobran de países de América ou doutros continentes. E abrangue a todos, incluso a pensionistas que reciben uns 50 euros anuais polo seu antigo traballo en Francia.

    A campaña é específica da Axencia Tributaria e prevé estenderse máis aló dos emigrantes que traballaron en Europa

Noutros casos, como no de emigrante ortegano en Suíza, a advertencia chegou xa da propia xestoría, que leva semanas atendendo as reclamacións dos pensionistas afectados e que está a alertar a moitos outros dos requirimentos que recibirán na súa casa nos vindeiros días. Desde unha destas asesorías asegúrase incluso que esta recadación extra é "o tema estrela" para a Axencia Tributaria, que "ve nesta campaña a posibilidade de apañar unha morea de cartos".

Afectados da comarca da Morrazo e doutras zonas xa se están a organizar a través dunha plataforma que aglutine as súas reivindicacións. PSdeG, AGE e BNG xa impulsaron iniciativas nas que solicitan información detallada e clara sobre o número de galegos afectados en cada provincia, ante a chegada masiva de cartas de Facenda nos últimos días. Son milleiros e serán moitos máis. Ademais, solicitan que non se aplique con carácter retroactivo as sancións, que non sexan multados ao non haber dolo e que a Administración faga un esforzo en informar satisfactoriamente sobre a situación, que segue sen clarexarse.

    A oposición pide unha solución política e denuncia o "afán recadatorio" da iniciativa do Goberno central

Carmen Gallego, deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, presentou xa iniciativas na Cámara, ao igual que compañeiras súas no Congreso e no Senado. Advirte de que a problemática "é moi masiva en Galicia" e lembra que é "unha campaña específica" da Axencia Tributaria e que ten "un claro afán recadatorio".

"Dan un prazo de 18 meses para pagar cantidades que chegan aos 15.000 euros, cobran o correspondente á sanción e tamén os intereses; se de verdade non houbese unha intención recadatoria, intenteríase chegar a acordos con xente que non ten medios e que está a sustentar familias enteiras", lamenta a parlamentaria socialista, que pide ao Goberno galego "que mova ficha".

"É necesaria unha solución política, porque a vía xudicial é longa para persoas tan maiores", insiste a deputada, que reclama que, cando menos, "non se cobren os intereses de demora nin as sancións", ao non haber mala fe, e se dean "prazos máis amplos". Mentres, e tras o drama das preferentes, o problema ameaza con facerse tamén masivo en Galicia. "É vergonzoso que pase isto ao tempo que se conceden amnistías fiscais", remata Carmen Gallego.

Reunión de xubilados no Concello de Cervo © Concello de Cervo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.