Facenda xa recadou tres millóns de euros en Galicia coa súa campaña contra os emigrantes

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

A Axencia Tributaria leva recadados xa uns tres millóns de euros en Galicia desde que comezou a súa campaña contra os emigrantes, aos que lles reclama que tributen polos subsidios recibidos dun país estranxeiro desde 2008, ademais de impoñerlles sancións e cobrarlles intereses de demora por non ter declarado antes eses ingresos.

Malia que polo momento Facenda tan só está a requirir a tributación do exercicio 2008 e a pesar de que aínda non foron advertidos todos os emigrantes, as cantidades recadadas dan boa conta da dimensión desta problemática, que acabará por afectar a ducias de milleiros de galegos que traballaron no estranxeiro. Os datos son achegados pola plataforma de pensionistas afectados -xurdida no Morrazo pero que abrangue xa a uns 600 afectados de todo o país- e que veñen de recibir informacións da Delegación da Axencia Tributaria en Galicia.

Facenda recadou tres millóns de euros tan só no inicio da campaña e a falta de reclamar as declaracións de entre 2009 e 2011

"Entre as sancións, as declaracións de 2008 e a xente que tributa o resto de anos porque ten moito medo, no país xa levan recadados tres millóns de euros", insiste Maruchi Álvarez, voceira desta plataforma, que advirte de que aínda faltan por chegar os requirimentos para os exercicios 2009, 2010 e 2011, así como que sexan avisados milleiros de emigrantes que aínda non recibiron carta ningunha e que, en moitos casos, non saben nada do que se lles vén enriba.

A media de pagamento exixido aos afectados, entre sancións, intereses de demora e declaración, é de entre 2.000 e 2.500 euros por cada ano. Uns 10.000 euros polos catro exercicios sobre os que a Axencia Tributaria está a actuar. "As cantidade total será altísima; quen non foi emigrante no noso país? Pensemos que en cada familia galega, cando menos haberá un afectado. Tan só no Morrazo calculamos que xa hai uns 600, así que imaxinemos o que suporá en toda Galicia", advirte Maruchi Álvarez.

A media que se lle exixe a cada emigrante entre sancións, tributos e intereses de demora é de entre 2.000 e 2.500 euros anuais

Até o de agora, as cartas de Facenda apuntan os galegos emigrados en Alemaña, Suíza, Francia ou Inglaterra, pero as ordes da Axencia Tributaria afectan a toda aquela persoa que estea a cobrar unha pensión do estranxeiro. Tamén os que traballaron en América, que serán informados axiña das súas novas obrigas fiscais

 

"Unha grandísima discriminación"

O límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista. "A discriminación é grandísima; calquera pode ter traballado en oito empresas en España e non ter que facer a declaración por cobrar algo menos de 22.000 euros, pero se estiveches fóra e recibes 11.300 euros ao ano, estás obrigado a declarar", explica Álvarez, que anuncia que a plataforma ten previsto presentar unha proposta ao Ministerio de Facenda para que modifique a lexislación tributaria neste ámbito.

"Que apliquen unha amnistía fiscal como a que lle aplicaron a todos os estafadores deste país", reclama a plataforma de afectados

A reclamación da plataforma galega de afectados é clara. "Que apliquen unha amnistía fiscal como a que lle aplicaron a todos os estafadores deste país", explica Maruchi Álvarez, que insiste en que "nunca os emigrantes foran advertidos de que tiñan que tributar polas súas pensións do estranxeiro". "Houbo unha falta de información total. A ninguén se lle requiriu, pero o diñeiro que cobramos do estranxeiro pasa por contas españolas, non son cartos ocultos. A Seguridade Social sabe perfectamente que se están a cobrar pensións do estranxeiro, ao igual que Facenda. A campaña actual ten un simple afán recadatorio porque é o xeito máis doado que agora ten a Axencia Tributaria para apañar diñeiro rápido", explica a voceira do colectivo, que aclara que en ningún momento se están a negar a pagar impostos. "Empecemos a declarar todos a partir de agora, pero con información, sentido e xustiza", insiste.

Os pensionistas piden que, cando menos, non se lles aplique sancións nin intereses de demora

Semella imposible que Facenda acceda a aplicar esa amnistía, malia a evidente desinformación da que a acusan os emigrantes. A delegación galega da Axencia Tributaria comprometeuse a estudar retirar as sancións ou ampliar os prazos de pagamento, tal e como reclama a plataforma, pero só foron "palabras bonitas". "Nada cambiou e nada fixeron; os funcionarios insisten en que só cumpren ordes e a lei", explica Maruchi Álvarez, que reclama cando menos que non se apliquen multas, nin intereses de demora.

No entanto, non perde a esperanza de que se anule esta "campaña recadatoria". "Se de verdade queres axudar un colectivo, só tes que deixar de facer o que estás facendo", insiste Álvarez, que lembra que este Goberno central "arránxao todo a base de decretos lei" e que cualifica de "roubo" a medida aplicada. "Téñeno ben fácil se de verdade queren acabar co problema", engade a voceira dunha plataforma que celebrará unha xuntanza o vindeiro sábado para artellarse en toda Galicia e que ten a intención de iniciar mobilizacións en diferentes concellos.

PSdeG, BNG e AGE presentaron diversas iniciativas no Parlamento galego, no Congreso e no Senado reclamando información máis detallada e pedindo que non se apliquen con carácter retroactivo as sancións e que os emigrantes non sexan multados ao non haber dolo na súa actuación. Toda a oposición denuncia o "afán recadatorio" do Goberno e o feito de que se cebe cos pensionistas.

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.