Facer fronte á vespa asiática "dende o coñecemento e a calma"

Cartaz da campaña da Asociación Galega de Apicultura © AGA

O pasado ano, sobre todo nos meses do verán, a presenza en Galicia da Vespa Velutina, tamén coñecida como "Vespa Asiática", xerou preocupación na sociedade, mesmo unha certa alarma. Os primeiros exemplares en terras galegas foron vistos en 2012 e cada ano o seu número e incidencia é maior. Hai uns meses, o Goberno galego, a través da directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, recoñeceu que non será posible a erradicación total desta vespa e que polo tanto será preciso "convivir" con ela. “Por aquí claro que vai quedar, pero hai maneiras de diminuír a súa incidencia", respondéralle naquel momento Xesús Asorey, presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

A AGA vén de poñer en marcha a campaña Stop Vespa Velutina, consistente na realización de charlas informativas en distintas localidades e na colocación de trampas para capturar raíñas fundadoras e así evitar o maior número posible de niños para o verán. Na campaña colaboran varios concellos e outras entidades.

A AGA vén de poñer en marcha a campaña Stop Vespa Velutina, consistente na realización de charlas informativas en distintas localidades e na colocación de trampas para capturar raíñas fundadoras

Os apicultores galegos advirten de que "se non se poñen as medidas oportunas, a invasión da Vespa Velutina pode derivar nunha reducción da biodiversidade e causar serios perxuízos económicos para os sectores apícola e froiteiro, creando ademais riscos de picaduras en traballos forestais e inseguridade cidadá". Os obxectivos da campaña son informar e sensibilizar sobre a ameaza ambiental que supón a presenza da Velutina en Galicia e ofrecer solucións para controlar os seus efectos no medio ambiente e nas abellas. "Preténdese facer fronte á avespa asiática dende o coñecemento e a calma, evitando a alarma e o medo na poboación", destacan.

Así mesmo, na campaña colocaranse as trampas distribuídas pola Consellería do Medio Rural para capturar raíñas, buscando reducir a formación de novos niños, e tamén se eliminarán niños xa existentes. AGA espera que nun futuro próximo se poidan "aplicar novas ferramentas que se están estudiando en distintos centros de investigación, como o uso de feromonas para a captura raíñas, o cal será moito máis efectivo e selectivo que os atraentes actuais". "O trampeo de raíñas, para reducir o número de niños novos, débese comezar a facer agora no mes de marzo e durante toda a primavera", destacan e advirten de que "se se localiza un posible niño débese chamar ao 112 e se se confirma ao 012, para a súa eliminación". Estas trampas poden ser caseiras ou comerciais. As caseiras prepáranse con viño branco e cervexa, con restos de cera vella, algunha velutina… e débense colgar a unha certa altura do chan (1,5 m), nun sitio soleado e resgardado do vento. A cantidade de atraente a empregar será de entre 100-150 ml, y será renovado cada 7-15 días para evitar fermentacións.

"Se se localiza un posible niño débese chamar ao 112 e se se confirma ao 012, para a súa eliminación"

Dende o mes de febreiro, AGA está impartindo charlas informativas sobre a Vespa Velutina Nigrotorax que van dirixidas en xeral a todas as persoas interesadas e en particular a apicultores e apicultoras que queren poñer en práctica medidas de control nos seus colmeares. Falarase sobre a vida e comportamento da velutina, por que supón unha ameaza real, os colectivos afectados pola súa proliferación e cómo comportarse ante a súa presenza. As vindeiras charlas terán lugar en O Vicedo (17 de marzo), Mondoñedo (18 de marzo), Ourol (19 de marzo), Tomiño (25 de marzo) e Vigo (26 de marzo). Así mesmo, a entidade celebrará o 21 de marzo no Xardín Botánico de Culleredo o Día da Abella, organizado pola delegación de AGA na Coruña e o Concello de Culleredo.

Cartaz da campaña da Asociación Galega de Apicultura © AGA
Unha 'vespa velutina' e unha abella CC-BY-SA Danel Solabarrieta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.