"Feijoo, atende, a sanidade non se vende"

A manifestación, na Praza da Quintana Dominio Público @susobermello

Milleiros de persoas participaron este domingo en Compostela na manifestación de SOS Sanidade Pública, que criticou os recortes efectuados polos gobernos galego e español e alertou do risco de privatización. Participaron numerosos representantes políticos, de BNG, PSdeG-PSOE, EU, +G ou EI, entre eles Pachi Vázquez, Francisco Caamaño, Francisco Jorquera, Carlos Aymerich, Guillerme Vázquez ou Xosé Manuel Beiras.

A marcha, que partiu da Alameda ao mediodía, contou co apoio de organizacións políticas, sindicais, profesionais, estudantís, veciñais das asembleas do 15M e de numerososos colectivos non necesariamente ligados coa atención sanitaria. Esta unanimidade na convocatoria percibiuse tamén na participación final, igualmente diversa, pero unida polo obxectivo: a reivindicación da sanidade pública, gratuíta, de calidade, eficiente e universal.

O voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín deixou claro antes da marcha que esta vez non se protesta contra unha medida puntual ou contra un recorte concreto, senón que as medidas executadas ou apuntadas dende a Xunta e dende o Goberno central "cambian por primeira vez a Lei Xeral de Sanidade" e mesmo a Constitución. Os participantes na mobilización repetiron berros críticos co goberno de Alberto Núñez Feijoo, como "Feijóo atende, a sanidade non se vende" ou "E a culpa de quen é?, do Goberno do PP". Así mesmo, Suso de Toro, un dos voceiros da plataforma, sinalou xa na Praza da Quintana que o problema é que "quen hoxe goberna na sanidade pública non cre nela".

De igual xeito, Pachi Vázquez, líder dos socialistas galegos, afirmou que "Feijoo non pode traizoar a Galicia e ten que acudir ao Tribunal Constitucional para frear os recortes en sanidade e educación deste goberno desnortado". O líder dos socialistas galegos esixíulle ao presidente da Xunta que faga o que xa fixeron os seus homólogos en Andalucía, Euskadi e Cataluña, “en lugar de facer caer todo o peso da crise sobre os pensionistas, sobre os nosos enfermos e os nosos estudantes”, criticou Vázquez. Propuxo que, en lugar de facer caer todo o peso da crise sobre pensionistas, enfermos e estudantes se apliquen impostos á banca, o IBI á Igrexa e impostos aos grandes patrimonios.

Pachi Vázquez afirmou que "Feijoo non pode traizoar a Galicia e ten que acudir ao Tribunal Constitucional para frear os recortes en sanidade e educación deste goberno desnortado"

Pola súa banda, Francisco Jorquera afirmou que “o mellor xeito de garantir os servizos públicos non é con recortes, senón cunha reforma fiscal que combata o escandaloso volume de fraude e que faga que os que máis teñen paguen máis”. En concreto, Jorquera censurou que o PP vexa "imprescindibles" recortes en servizos publicos mentres o Estado "ten a presión fiscal máis baixa sobre as rendas altas" na UE, cun volume de fraude "autenticamente escandaloso", polo que avogou pola reforma fiscal para a súa sustenibilidade. O candidato do BNG ás eleccións autonómicas denunciou que o Partido Popular usa a crise de "coartada" para "permitir o avance" da sanidade e a educación privada".

O candidato do BNG ás eleccións autonómicas denunciou que o Partido Popular usa a crise de "coartada" para "permitir o avance" da sanidade e a educación privada"

No remate da manifestación, os músicos Ses e Magín Blanco interpretarán as súas Tempestades de sal e Rumba das apertas. De feito, na rolda de prensa de presentación da manifestación, Suso de Toro xustificara a implicación de escritores, músicos ou actores na protesta no feito de que os recortes sanitarios "non son un problema dos traballadores da sanidade" senón de toda a sociedade, dado que os servizos públicos de saúde son "un patrimonio social". "A sanidade e a educación son un tesouro do modelo social europeo que neste momento está en perigo", concluíu.

Foi moi numerosa a presenza de militantes e líderes do BNG Dominio Público Praza Pública
Faixa de Esquerda Unida © EU
Faixa do PSdeG-PSOE na manifestación © PSdeG-PSOE
Faixa de Máis Galiza © +G

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.