O pasado sábado unha protesta simbólica en Santiago contra a eucaliptización de Galicia encheu de eucaliptos a praza do Obradoiro esixindo á Xunta que limite a expansión desta especie. O mércores a propia Xunta emitiu unha nota de prensa eloxiando que o Concello de Folgoso do Courel se comprometa a ser un municipio “libre de eucaliptos”. Este xoves o presidente Feijóo foi preguntado por esas e outras iniciativas e declarouse “no medio” do debate entre os que queren máis ou menos plantacións de eucaliptos. “Hai un debate evidente, e nós estamos neste momento xustamente no medio; Están en contra os que queren plantar máis, e os que queren plantar menos nos din que temos que ser máis ambiciosos”, dixo.
O presidente asegura que a Xunta está a ordenar agora os montes xa que non o fixeran “gobernos anteriores”
“Nós o que estamos é ordenando, non sei se gobernos anteriores ordenaron con tanta meticulosidade, desde logo moi ordenado non estaba”, dixo Feijóo, censurando así en parte a falta de actuación na materia nas tres décadas de gobernos populares na Xunta. Segundo o presidente, que lembrou a normativa forestal que agora impulsa o seu goberno, “na provincia de Ourense non se deben plantar eucaliptos, debe ser unha provincia de frondosas autóctonas”, mentres que “lugares das provincias de Lugo e A Coruña onde hai eucaliptos son lugares axeitados para responder a demanda de eucaliptos en Galicia”.
Feijóo criticou, sen citalas, "forzas políticas que en Santiago din que están en contra do eucalipto e noutros concellos están a favor"
Feijóo tamén censurou a postura doutros partidos, que non citou, asegurando que “en determinados concellos das provincias de Lugo e A Coruña hai forzas políticas que en Santiago din que están en contra do eucalipto e sen embargo neses concellos están a favor do eucalipto”. “imos ponderar e facer algo razoable”, rematou o presidente.