“Por que os concellos non coidan o Camiño que pasa polo seu termo municipal?”. A pregunta formulouna este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en resposta a outra que o cuestionaba sobre a denuncia que veñen de presentar varias entidades culturais de Lugo ante a Unesco contra a Xunta polas transformacións que están a sufrir os camiños Primitivo e do Norte.
O presidente pon Santiago como exemplo de municipio que ao seu ver non está a coidar dos camiños
Feijóo lembrou que “os tramos dos camiños de Santiago son competencia municipal” e que a Xunta limítase a axudalos economicamente a través de convenios ou a executar as obras no seu nome. O presidente asegurou que hai “moitos concellos” que non están a exercer a súa competencia e que “un deles é o Concello de Santiago”. Porén, a denuncia agora formulada ante a Unesco, supervisora do Patrimonio da Humanidade, como son os camiños de Santiago, non pon o foco sobre o que non se fai senón sobre o que se fai. As entidades denunciantes piden manter “a fisionomía tradicional dos vellos camiños históricos de peregrinación” e evitar a “construción de sendeiros ex novo con maquinaria pesada”, como din que está a suceder na Fonsagrada e Castroverde.
A Feijóo tamén se lle preguntou a que se debe o maior peso na xestión dos camiños de Santiago que está a asumir o departamento autonómico de Turismo fronte ao de Patrimonio. O presidente asegurou que todas as obras son “supervisadas pola Dirección Xeral de Patrimonio” e que esta mesmo paralizou actuacións impulsadas polo departamento de Turismo, como exemplificou cunha obra no Camiño Real no concello ourensán de Monterrei.