Feliz día da infancia minguante

Pleno infantil, este venres en Santiago © Concello de Santiago

Ademais da morte do ditador Francisco Franco, o 20 de novembro conmemórase tamén internacionalmente o Día da Infancia, unha xornada centrada nos dereitos e liberdades de nenas e nenos que entidades e institucións galegas celebran con diversos actos, como o desenvolvemento de plenos infantís en varios concellos. Nestas conmemoracións reivindícanse os dereitos da infancia e, polo tanto, no caso galego ponse o acento sobre un sector da poboación cada vez máis minoritario, ata o punto de que os nacementos e chegadas a Galicia de nenos e nenas xa non só non contribúen a incrementar a poboación, senón que tampouco garanten os relevos xeracionais.

Tal e como vén relatando este diario, o país acumula tres décadas con máis mortes que nacementos e a poboación mingua e, simultaneamente, envellece, toda vez que a esperanza de vida segue a aumentar. Así, o país presenta o peor saldo vexetativo -diferenza entre nacementos e mortes- do Estado e un dos peores de Europa mentres polas vilas e cidades cada vez se ven menos nenos e nenas agás en concellos que son contadas excepcións, caso por exemplo de Ames, Arteixo, Vigo, Culleredo ou Pontevedra.

A poboación infantil galega reduciuse á metade nas últimas catro décadas

Nunha xornada propicia para a memoria, unha ollada panorámica aos datos de poboación dende 1975 indica que naquela altura vivían en Galicia unhas 670.000 persoas de entre 0 e 14 anos e na actualidade a cifra é menos da metade, apenas 327.000. O número de nenos e nenas non deixou de caer dende comezos dos 80 e ata mediados da pasada década, cando nos anos de maior crecemento económico o lixeiro incremento de nacementos -impulsado, sobre todo, pola chegada de poboación migrante- deu lugar a unha cativa alza da poboación infantil.

As tímidas alzas no número de nacementos rexistradas entre 2000 e 2008 invertíronse nos anos seguintes. Esta factor, unido á fin da chegada e mesmo á partida da emigración, augura que nos vindeiros anos o día da infancia seguirá a perder protagonistas en Galicia. Isto sucede mentres o número anual de falecementos se atopa máis ou menos estable nuns 29.000, arredor de 10.000 máis que os nacementos. Este panorama é o que se propón paliar o Plan de Dinamización Demográfica, posto en marcha pola Xunta tras tras un trámite parlamentario de apenas catro horas e entre dúbidas sobre a súa efectividade.

Nenas e nenos visitando cunha docente a casa do Concello de Lugo, este venres © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.