Ferrol pon en marcha clases de autodefensa para mulleres

Imaxe dunha das clases © Concello de Ferrol

A Casa da Muller de Ferrol acolle dende este venres clases de autodefensa para mulleres, organizadas pola Concellería de Benestar Social. Na inauguración da actividade estivo presente a edil Beatriz Sestayo, que salientou que o Concello estudará a continuidade destas aulas máis aló do verán, en función da súa demanda. Sestayo subliñou que todas as actividades que se realizan na Casa da Muller son gratuítas e que queren ser tanto unha alternativa de ocio como de formación ás mulleres, ao tempo que se tecen redes de solidariedade e colaboración.

Neste caso, a clase de autodefensa é a resposta do Concello ás peticións realizadas por varias persoas nos últimos meses. O obxectivo, segundo explicou o monitor Antonio Busom, é proporcionar "seguridade fronte a posibles agresións, con técnicas moi básicas sustentadas tamén na seguridade mental que permita evitar unha agresión".

“O importante é que ti te poidas defender e non sexas agredida e poidas mesmo chegar a salvar a vida, porque o agresor pretende abusar de mulleres que non se poden defender”, di Reyes Lage

Neste senso, unha das participantes, Reyes Lage, explicou que se lles achegan técnicas para “poder paralizar algún tipo de golpe que sexa habitual e directo para protexerte e esquivalo, e que non dea en zonas que sexan vitais”, para calquera agresión na rúa ou noutros ámbitos, como pode ser o da violencia de xénero. “O importante é que ti te poidas defender e non sexas agredida e poidas mesmo chegar a salvar a vida, porque o agresor pretende abusar de mulleres que non se poden defender”, engadiu.

 

Imaxe dunha das clases © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.