Ferrolterra volve clamar por unha solución para o naval

Manifestación polo naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Foi ao remate da masiva manifestación en Ferrol cando medio cento de delegados sindicais do naval decidiron comezar un peche no Concello. Seguirán alí ata as once da mañá do vindeiro martes, cando se celebre unha asemblea na praza de Armas na que se abordará o contido do plan estratéxico do estaleiro público e que erá presentado o luns ás centrais.

O presidente do comité de empresa, Ignacio Naveiras, volveu advertir de que arredor dun milleiro de persoas poderían perder o seu emprego nos vindeiros quince días, unha vez que saia da ría o último buque que se está a construír nos estaleiros. Uniríanse aos 3.200 traballos que xa se destruíron nos últimos anos pola falta de carga de traballo en Navantia e que provocan a "dramática situación" na que se atopa a comarca de Ferrolterra e a súa contarna.

Os traballadores de Navantia advirten de que se poderían perder outros mil empregos nos vindeiros días

Contra esta crise e o desemprego saíron este domingo á rúa milleiros de persoas en Ferrol -22.000 segundo a policía- e que se xuntou á marcha de Nunca Máis para chegar á praza de Armas e berrar "exixindo solucións" para a comarca e preguntándose "onde están as promesas do PP". O comité alertou que, de non conseguir axiña carga de traballo para o naval, a zona enfrontaríase a un "estalido social" nunha área cunha taxa de desemprego do 33%.

Na manifestación púidose ver cargos públicos do PP, pero sobre todo da oposición galega como o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz; ou a deputada do PSdeG Beatriz Sestayo. Todos eles, como os traballadores, demandaron aos gobernos galego e central e ao Partido Popular o cumprimento dos compromisos adquiridos, como a construción do dique flotante, a consecución do prometido (e atrasado sine die) flotel para Pemex, así como a obtención do encargo dos gaseiros para Repsol ou Gas Natural, que diversas fontes apuntan que acabarán sendo construídos en Asia.

Manuel Rivas leu un manifesto no que censurou a "lousa de pasividade política" que provoca o deterioro do sector naval

Ao remate da manifestación, o escritor Manuel Rivas foi quen leu un manifesto no que pediu "loita contra o tempo perdido" e no que censurou as actuacións de quen "ocupan o Estado para espoliar o ben público". "É en Ferrol onde se constrúen mellor barcos", dixo o tamén xornalista, que asegurou que "se o barco [polo Prestige] estivese feito" na cidade, "non se afundiría". "Nunca Máis ao veto naval", insistiu, tras denunciar a "lousa de pasividade política" que provoca o deterioro do sector.

Manifestación polo naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.