Festiclown Palestina, "un acto revolucionario de democracia radical desde as artes"

Iván Prado, no Sáhara CC-BY-NC-SA Culturactiva

O Festiclown Palestina celebrarase desde o 12 ao 19 de xaneiro de 2014 nos campamentos de poboación refuxiada de Nahr Al-Bared, Baddawi (Trípoli), Bourj Al-Barajneh, Shatila (Beirut) e Ein Al-Hilweh (Saida), no Líbano. Esta iniciativa de Pallasos en Rebeldía e da cooperativa Culturactiva, que procura financiación mediante a plataforma Verkami, continúa co traballo desenvolvido noutros lugares do mundo, como nos campamentos saharauís de Tinduf (Alxeria) ou en Chiapas (México).

Palestina acolleu o evento en anos anteriores, pero esta será a primeira vez que se celebre nos campos de refuxiados, que non deixande crecer, empeorando as condicións de vida dos seus habitantes, debido á falta de recursos. Ademais da poboación palestina refuxiada neste país, a actual crise provocada polo conflito en Siria incrementa día tras día o número de desprazados, palestinos e sirios. O Festivlown Palestina é un festival solidario de clown que “trata de paliar as consecuencias psicolóxicas dun conflito interminable e o seu consecuente éxodo ademais de fomentar, xunto as contrapartes locais, as artes circenses, o clown e a risoterapia entre a poboación refuxiada, fundamentalmente nenos e novos, como unha alternativa psicolóxica e social á situación de conflito na que viven”.

"A realidade é que a situación é demasiado dura e terrible debido ao apartheid que sofren historicamente e á chegada masiva de refuxiados sirios e palestinos sirios que están acollendo hoxe en día estes espazos"

Que artistas colaboran no Festiclown? Haberá algunha sorpresa?

Directamente sobre o terreo son varias compañías estatais con grande traxectoria internacional, e mais unha compañía brasileira e outra arxentina as que levarán a risa solidaria aos campos de refuxiados palestinos no Líbano. Así, Kanbahiota Trup, Ricky Tenis, Kanadagama, Fuman, Marcelo González e o mago Dani García estarán nesta segunda edición do Festiclown Palestina. Pero, ademais, contamos coa colaboración, a través de distintas vías, de artistas como Leo Bassi, Patch Adams, Pepe Viyuela, Sergi López, Elliot, Circ Bover, Kanbahiota, Jorge Blass, Peter Punk, Os 7 Magnificos + 1, Amparo Sánchez (Amparanoia), Tristán Ulloa, Jango Edwards e moitos outros.

Tamén, e por participaren nas galas solidarias celebradas en Rivas, Oviedo e Compostela, forman parte do equipo artístico do Festiclown Palestina Sergio Pazos, Jabier Muguruza, Virginia Imaz, Camilo Franco, Maider Yabar, Porrotx Pailazoa, Evaristo Calvo, Najla Shami, Rober Bodegas, Javi Javichi, por nomear só algúns. A gran sorpresa desta edición podería ser a participación estelar de Sergi López. Aínda está por confirmar que días podería asistir.

Como está xa o ambiente nos campamentos á espera do Festival? Hai expectación?

Hai unha grande expectación debido á fama internacional do Festival e sobre todo pola caravana que alí realizamos o pasado mes de outubro e que prendeu en tantas e tantas persoas. Porén, a realidade é que a situación é demasiado dura e terrible debido ao apartheid que sofren historicamente e á chegada masiva de refuxiados sirios e palestinos sirios que están acollendo hoxe en día estes espazos. 

"O Festiclown Palestina tamén é unha medida efectiva e fonda de protección dos dereitos universais da persoa, algo que a ONU non consegue levar a cabo no mundo palestino"

Esta certa 'normalidade', o feito de poder levar a cabo este festival (a pesar de todo) é en si mesma unha rotunda mensaxe de resposta á ocupación e á represión israelí?

Por suposto, pero eu tamén diría que, en primeiro lugar, é un éxito sobre a supremacía mundial do sionismo no ámbito da cultura e o humor. En segundo lugar, implica unha iniciativa poderosa e creativa de paz con xustiza e dignidade. Ademais, o Festiclown Palestina tamén é unha medida efectiva e fonda de protección dos dereitos universais da persoa, algo que a ONU non consegue levar a cabo no mundo palestino e, por último, e un acto revolucionario de democracia radical desde as artes, algo que o capital e a sociedade da mercadocracia non adoita permitir.

Un festival coma este, con aínda menos medios e máis dificultades das que podía haber en México ou en Palestina, demostra que non fai falla moito para achegar unha axuda a quen o necesita?

Iso, e sobre todo que soñar a vida e vivir os soños é o éxito máis divertido e rebelde de pasar por esta terra...

O Festiclown: unha nova oportunidade para demostrar que a risa é universal?

E que serve para dignificar o ser humano e tamén para achegar un horizonte de esperanza. Con todo, e sobre todo, esta segunda edición do Festiclown Palestina serve para combater o poder xenocida e para facer ver a terrible situación de milleiros de persoas agochada aos ollos da opinión pública pola conivencia de gobernos e organizacións internacionais que se din salvagarda dos dereitos humanos.

"É un acto revolucionario de democracia radical desde as artes, algo que o capital e a sociedade da mercadocracia non adoita permitir"

Cando o festival remate o vindeiro 19 de xaneiro, que pouso quedará nos campamentos de refuxiados? Que efecto ten a celebración do Festival?

Quedará un aroma de liberdade, unha mostra intensa de fraternidade humana, unha estela de esperanza e unha fiestra aberta á construción dun mundo onde caiban todos os mundos.

Que lle dirías á xente que está pensando en colaborar na campaña de crowdfunding e aínda non o fixo?

Diríalle que apuren, porque imos encher de flores e cantos belos eses lugares chamados solidariedade internacional e cultura grazas ao circo social e á xente fermosa como eles e elas. Coa súa achega económica farán posible que a risa conserve o seu valor rebelde e liberador, humano e mundial.

Cartaz do Festiclown Palestina CC-BY-NC-SA Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.