"Fixemos o blog porque a manipulación e a represión aumentaron na TVG"

Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo

Traballadores da TVG deron un paso adiante. Desde a pasada semana, un blog elaborado polo comité de empresa denuncia con detalle a "manipulación informativa" que, segundo os representantes do cadro de persoal, se dá na canle pública. Eu non manipulo, a bitácora onde se analiza o tratamento das novas e as diferentes "varas de medir" segundo os protagonistas, colle folgos e actualízase xa acotío comparando moitas das noticias dos telexornais coas que se ofrecen noutros medios. As últimas, as que teñen que ver coas polémicas fotografías de Feijóo con Marcial Dorado, os datos económicos ou unha retrospectiva sobre o caso Bárcenas. Pero, por que agora? "É un problema histórico que se repite ciclicamente, pero a raíz dos últimos casos de corrupción política, pisouse o acelerador na manipulación e tamén recibimos máis queixas dos redactores", explican fontes do comité.

"A manipulación é histórica, pero cos últimos casos de corrupción, pisouse o acelerador na manipulación informativa"

Non era esta a primeira vez que os representantes dos traballadores denunciaban a "manipulación" nos programas informativos da TVG, nin moito menos. No entanto, parece que a auga rebordou o vaso. "O malestar foi crecendo entre boa parte dos traballadores e consideramos que era a nosa obriga denunciar o que está a ocorrer", insisten desde o comité, que lembra que a creación do blog foi "debatida e aceptada" polo cadro de persoal. "Pensamos nos pros e nos contras, pero malia o contexto desfavorable, decidimos tirar cara a adiante e advertir das presións que sufrimos no día a día", insiste.

O "contexto desfavorable" ao que se refiren as fontes son os intentos de enmarcar a creación do blog na actual negociación do convenio colectivo ou o aproveitamento que "os amigos da privatización" fan para "xustificar o desmantelamento dos medios públicos baseándose nas denuncias de manipulación". "Este é un problema profesional grave", advirten, tras explicar que a posta en marcha da bitácora, que comezou como unha proposta dunha traballadora, acabou sendo aceptada pola asemblea.

"O blog tamén se fai para que os traballadores da TVG sexamos conscientes de que temos unha responsabilidade que cumprir"

"Non o facemos só de cara a fóra, senón tamén para que os que traballamos dentro sexamos conscientes de que o que facemos ten unha repercusión importante e de que temos unha responsabilidade fundamental que cumprir como xornalistas, tamén nos medios privados, pero moito máis se traballamos nun medio público", continúan.

O blog reivindica tamén a creación do estatuto profesional que establece a lei dos medios públicos de Galicia e que contempla a creación dun consello de informativos para a CRTVG. Mentres ese consello non exista, os creadores agardan que a bitácora "faga o que sería o seu papel e defenda os dereitos dos traballadores".

Os exemplos de "manipulación" que denuncian os traballadores no blog son variados. Desde o comité explícase que hai unha morea de formas de terxiversar ou virar unha noticia para o lado que lle convén á dirección. Desde a omisión sistemática de protestas ou informacións delicadas para o PP e as administracións que goberna ata a repetición masiva da afiliación política dun encausado en casos de corrupción, sempre que sexa dun partido diferente ao conservador.

"Hai xornalistas apartados de informacións sensibles, que adoitan acabar nas mans dos redactores máis precarios e máis novos"

O malestar e a indignación é maioritaria entre os traballadores, pero "hai algúns máis molestos que outros". "Algúns foron directamente apartados de certas informacións sensibles, que adoitan acabar nas mans dos xornalistas máis precarios ou novos, que acaban sendo os máis cargados con informacións que non se atreven a ordenarlles aos redactores máis veteranos", explican fontes do comité, que ten resposta cando se lle pregunta por que o cadro de persoal non se rebela máis claramente. "As causas son a represión e o medo a ela", di sen dubidar.

"Nestes tempos, a represión aumenta en todos os ámbitos e tamén na TVG; a protesta castígase", explican as mesmas fontes, que advirten que "nunca as mans do departamento de recursos humanos foron tan lixeiras para abrir expedientes". Ademais, lembran tamén as ameazas vertidas pola dirección da compañía, "incluso en sede parlamentaria", ao entender que as protestas dos afectados polas prefrentes na sede da CRTVG se fixeran coa colaboración dalgún traballador. "Chegaron a ameazarnos con investigacións e sancións penais", insisten, tras recordar tamén as ameazas aos xornalistas que levaron a cabo un informativo reivindicativo no Toural. "Con estes dirixentes, o temor e o medo á represión ou aos expedientes sancionadores é brutal", conclúen.

 

 

Traballadores da TVG no plató do Telexornal © CRTVG
Traballadores da CRTVG, nunha protesta CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.