Fomento dálle luz verde ao polémico trazado sur do tren ao porto exterior de Ferrol

Recreación da enseada, co recheo completado Dominio Público Praza Pública

O BOE recolleu este xoves o estudo informativo definitivo do acceso ferroviario ao peirao, confirmando a escolla da vía sur, como xa se propuxera na Declaración de Impacto Ambiental de hai nove meses. Esta solución inclúe unha ponte por riba da Enseada da Malata que impedirá o acceso e saída de embarcacións, a súa limpeza e rexeneración e o regreso da actividade marisqueira.

Fomento comprométese a ter en conta as recomendacións propostas na Declaración de Impacto Ambiental, por exemplo sinalando que as actuacións máis molestas para a fauna se planificarán "fóra dos períodos de reprodución, cría e calquera outro período sensible das especies presentes”. E, sobre todo, que se seguirá a premisa de mínima afectaión ao leito da enseada a través da "minimización do número de apoios no cauce e mínima intrusión visual”, reducindo a cinco o número de piares.

Porén, non parece que estas cautelas vaian evitar as críticas e a oposición dun amplo número de colectivos sociais da comarca (dende grupos ecoloxistas, partidos -AGE, BNG, PSOE, Independentes por Ferrol-, sindicatos ou mariscadores) que dende o inicio do proxecto manifestaron o seu rexeitamento á alternativa sur, apostando polos trazados centro e, sobre todo, norte, lixeiramente máis longos, pero menos invasivos para o medio e para determinadas actividades produtivas.

 

A enseada da Malata

Este viaducto de 285 metros impedirá o acceso e saída de embarcacións, condenando a enseada á inactividade, impedindo a súa limpeza e rexeneración e o regreso da actividade marisqueira

O trazado sur inclúe unha ponte por riba da Enseada da Malata, un espazo de 1,2 millóns de metros cadrados que nas últimas décadas veu sufrindo sucesivos recheos e unha crecente contaminación. Este viaducto de 285 metros impedirá o acceso e saída de embarcacións, condenando a enseada á inactividade, impedindo a súa limpeza e rexeneración e o regreso da actividade marisqueira.

A enseada que forman A Graña, A Malata e A Cabana é das poucas zonas polas que a cidade de Ferrol ten unha saída directa ao mar. A pesar de estar rodeada pola ría, murallas e verxas da autoridade portuaria, da armada ou de Bazán, impiden esa saída directa. Nos anos 50 a enseada perdeu parte da súa superficie, polas obras de construción dun ferrocarril cara á base militar da Graña, que finalmente non se realizou. Máis tarde, o peirao carboeiro pechou en parte a entrada da enseada, aínda que nun comezo o acceso realizábase a través dunha ponte que permitía a entrada e saída de mareas. A enseada funciona actualmente como un viveiro natural de cría de bivalvos dela sae toda a larva de bivalvo que despois se cría no resto da ría. Cunha depuradora, recuperaría a produción de 4000 quilos diarios.

Os colectivos contrarios ao trazado destacan a "diversidade biolóxica da enseada", sinalando que unha vez construída a ponte, o proceso de degradación irá en aumento, o que fará case inevitable un recheo definitivo que comerá por completo esta parte da Ría de Ferrol. Xandro García, de ADEGA, destacaba hai meses, nun dos varios actos de protesta convocados, o alto valor ecolóxico e produtivo que ten aínda a ría, malia a falta de funcionamento da depuradora e aos lodos acumulados nela. E concluíu que a construción do trazado sur suporía matar a Enseada da Malata, que vén ser unha "ría dentro da propia ría". Nas últimas eleccións municipais o actual alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, segundo lembran estes grupos, "adquiriu o compromiso de defender a alternativa norte e as alegacións que fixo a estudo informativo o propio Concello de Ferrol"

A enseada da Malata, hoxe Dominio Público Praza Pública
A praia de Copacabana, na Enseada da Malata, en 1965 © http://pantinesdistinto.wordpress.com/
A enseada da Malata antes de 1950 Dominio Público oqueescondeotrenaoportoexterior.blogspot.com
Recreación da enseada, co recheo completado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.