Fracaso das concentracións antiabortistas, mentres Gallardón di que a reforma é "inminente"

Concentración antiabortista na Coruña, esta fin de semana © hazteoir.org

A plataforma Marcha por la Vida convocou esta fin de semana concentracións en toda España para pedir a prohibición completa do aborto, xusto cando o Goberno está a piques de presentar a súa prometida reforma, que restrinxirá ao máximo este dereito, devolvendo a lexislación española a 1985. En Galicia as citas foron na Coruña, Vigo, Lugo e Ferrol (en Compostela será o 24 de novembro), cunha participación moi escasa en todos os casos, cunha vintena de asistentes en Vigo e na Coruña e aínda menos en Lugo e Ferrol.

Nestes actos, baixo a consigna de "aborto cero", búscase presionar o Goberno para que, entre outras cousas, “acabe co coladero do suposto do risco para a saúde psicolóxica da muller”. En Madrid, cinco activistas de Femen foron detidas cando protestaban ante o acto antiabortista, coreando lemas como "o meu corpo, as miñas normas".

Este mesmo luns o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, afirmou que "non hai absolutamente ningunha dúbida" de que a reforma da lei se presentará no actual periodo de sesións, que culmina en decembro. Engadiu que se trata dun proxecto de lei "complexo", que está "extraordinariamente avanzado". "As datas exactas dependerán dos últimos estudos e correccións que estamos facendo sobre o proxecto, pero é inminente a presentación do mesmo", concluíu. 

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto ten convocadas, para o día en que o Goberno presente a anunciada reforma, concentracións de protesta ás 19 horas en Vigo (Marco), A Coruña (Obelisco), Ourense (Casa do Concello), Compostela (sede do PP en Alfredo Brañas), Ferrol (Casa do Concello), Lugo (Subdelegación do Goberno) e Pontevedra (Praza da Peregrina). A plataforma, que reuniu varios milleiros de persoas na última manifestación que convocou, a finais de setembro, sinalaba naquela ocasión que "nós, as feministas, somos as verdadeiras provida, porque defendemos unha vida digna para todos, unha vida que merece ser vivida". E engadíran que "o PP e a Igrexa Católica non son provida: defenden os dereitos do feto até que nace, pero despois recortan en sanidade, en dependencia, en comedores públicos, provocan casos crecentes de desnutrición infantil... Ignoran a violencia de xénero e os asasinatos de mulleres".

Concentración antiabortista na Coruña, esta fin de semana © hazteoir.org
Concentración antiabortista ante a sede do PP en Madrid, hai unhas semanas © Marcha por la Vida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.