Fundación Araguaney e Asociación Jenin piden axuda para enviar medicinas e comida á poboación palestina ferida en Gaza

Marwan Darwiche, membro da Asociación Jenin; Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente de honra da Fundación Araguaney; Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin; e Enrique Gómez Reino, membro deste colectivo © Fundación Araguaney

Solicitan achegas á cidadanía galega a través das oenegués UNRWA, Save the Children, Médicos Sen Fronteiras, Médicos do Mundo e do Hospital palestino Al-Maqasid en Xerusalén

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Asociación Galaico Árabe Jenin (que representa á comunidade palestina en Galicia) poñen en marcha unha campaña de axuda ao pobo de Palestina despois dos últimos ataques do exército israelí á Franxa de Gaza. "Hai máis de 60.000 desprazados e máis de 40.000 casas destruídas. A angustia aumenta cos mortos, feridos e vítimas, poruqe nestas dúas semanas rexistráronse 250 civís asasinados, dos cales 70 eran nenos e 40 mulleres, ademais de 2.000 feridos", sinala o presidente da comunidade palestina en Galicia, Sami Ashour.

Na presentación desta iniciativa este luns en Santiago de Compostela, o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, afirmou que tanto na Franxa de Gaza como no resto de Palestina (Cisxordania e outras cidades dentro da liña verde de Israel) se está a producir un "xenocidio programado" por parte de Israel, cun bloqueo por terra, mar e aire, "como quedou demostrado coas catro incursións que se produciron neste século XXI". "Agora xa non invaden de forma terrestre polo medo ao secuestro dun soldado por parte de Hamás. Empregan avións F35 e bombas de última tecnoloxía de baleirado de aire que provocan o derrubamento dos edificios, auténticas atrocidades e crimes de guerra", salienta. 

Concentración contra os ataques de Israel a Palestina este maio © Marcha Mundial das Mulleres

Esta nova campaña de solidariedade co pobo palestino realízase a través de cinco oenegués: a Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), Save the Children, Médicos Sen Fronteras, Médicos do Mundo e o Hospital palestino Al-Maqasid en Xerusalén. Solicitan a axuda, "por mínima que sexa", da cidadanía que poida achegar as súas aportacións a calquera destas ONG, co concepto "AYUDA HUMANITARIA PARA GAZA-GALICIA". 

"Non podo enviar diñeiro á miña familia na Franxa de Gaza porque me poden perseguir incluso aquí", di Sami Ashour

Sami Ashour explica que esta liña de axudas ten como obxectivo atender aos feridos nos hospitais, subministrar medicamentos e ofrecer contribucións sociais para o aluguer e a comida. Optaron por canalizar as achegas a través destas entidades sen ánimo de lucro para "vencer os obstáculos políticos de Israel, apelando á sociedade civil e non aos gobernos". "Persoalmente non podo enviar diñeiro á miña familia na Franxa de Gaza porque me poden perseguir incluso aquí, en España", confesa o presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin.

"O pobo palestino está en emerxencia humanitaria permanente", asegura o presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin

"O pobo palestino está en emerxencia humanitaria permanente", asegura Sami Ashour, quen lembra que tras o inicio da guerra árabe-israelí en 1948 a Franxa de Gaza sufre ataques "cada tres ou catro anos". O activista di que a pesar do alto o fogo que se declarou hai dúas semanas, que pon fin á última operación militar despois de 11 días de enfrontamentos, o problema persiste debido ao "bloqueo económico" ao que están sometidas as cidades da Franxa de Gaza desde hai 14 anos. 

"Aínda que a ofensiva rematara, as consecuencias e os cascallos seguen aí. Debemos sentir dor todos por igual, son seres humanos con soños e proxectos. Doéme moito escoitar a xente falando de palestinos e israelíes coa mesma vara de medir", lamenta Ashour.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.