Galicia-Alemaña, cartas de ida e volta

Dominio Público Videocartas Galiza-Berlín

Videocartas Galiza-Berlín é un proxecto audiovisual que busca establecer un diálogo entre varias xeracións dunha mesma familia, entre épocas distintas e entre xeografías separadas, entre persoas que malia as súas diferenzas acabaron por compartir unha circunstancia: a da emigración a Alemaña. Sandra, Ana, Sabela e Adriana proceden do mundo do audiovisual nalgúns casos, e no da psicoloxía noutros, e lanzaron esta iniciativa co obxectivo de explorar estes paralelismo entre os dous fenómenos migratorios, analizando as súas semellanzas e diferenzas. 

"Ante o fenómeno que se está dando na nosa xeración de marchar traballar fóra das nosas fronteiras, pareceunos interesante e necesario dar voz a todas esas historias actuais que están tendo lugar", destacan. Tamén subliñan que "as videocartas son a unión perfecta entre todo o bo das misivas e o bo do audiovisual: permítennos comunicar dúas (ou máis) realidades véndoas e escoitándoas".

"Ante o fenómeno que se está dando na nosa xeración de marchar traballar fóra das nosas fronteiras, pareceunos interesante e necesario dar voz a todas esas historias actuais que están tendo lugar", destacan

O proxecto ten dúas partes, a primeira realizarase en Galicia, onde elas mesmas encarganse de recoller as testemuñas de entre eses familiares retornados. Nunha segunda fase levarán e amosarán ese material audiovisual en Berlin para que os mozos e mozas alí residentes o vexan e elaboren unha peza audiovisual que combine a súa experiencia presente coa pasada dos seus devanceiros.

Nunha segunda fase levarán e amosarán ese material audiovisual en Berlin para que os mozos e mozas alí residentes o vexan e elaboren unha peza audiovisual que combine a súa experiencia presente coa pasada dos seus devanceiros

É un caso semellante ao que relataba Sara Prieto (aínda que neste non se cumpría a coincidencia de destinos de emigración), que hai unhas semanas relataba a experiencia de tres xeracións dunha mesma familia nunha reportaxe publicada en Praza, "unha historia con pasado e con presente. Neste caso o pasado chamábase José e o presente chámase Laura. Entre as tres historias pasaron máis de 80 anos e moitos cambios". O avó de Laura Fernández traballou en Arxentina, o seu pai en Francia e ela mesma atópase neste momento no Reino Unido. "Ela xa non vive nas condicións que o facía o seu avó, amoreado nunhas barracas propiedade de correos, senón que comparte piso co seu noivo na vibrante cidade de Bristol. Por que ía querer volver a un lugar que nada pode ofrecerlle? E este é o gran problema ao que se enfronta e enfrontarase a Galicia presente e futura", destacaba.

As súas promotoras están neste momento buscando e localizando persoas que queiran participar neste proxecto, familias que cumpran esa condición de teren pasado pola experiencia da emigración en varias xeracións, no pasado e tamén no momento actual. Nesa procura de voluntarios e voluntarias, contan cun formulario que se pode cubrir e tamén cun enderezo de correo electrónico de contacto: proxectoberlin@gmail.com.

Dominio Público Videocartas Galiza-Berlín
O proxecto busca a participación de emigrantes retornados a Galicia e de mozos actualmente emigrados en Alemaña © Videocartas Galiza-Berlín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.