Televisión Española non accedeu á petición da plataforma Galicia, mellor sen touradas, e non deixou de emitir en territorio galego durante a tarde do pasado domingo, cando emitiu un espectáculo taurino dende Extremadura. Non obstante, o resultado no que a audiencia se refire non foi moi diferente ao que colleitaría a canle pública se fose a negro durante a sobremesa desa xornada. Non en van, a tourada foi seguida en Galicia por apenas catro de cada cen persoas que estaban a ver a televisión nese momento.
Mentres que en 2012 o regreso das touradas a Televisión Española colleitaron en Galicia un 6% de audiencia, desta volta quedaron nun raquítico 4,8%, segundo os datos recollidos por Fórmula TV. Este desinterese polo evento taurino fixo que só dúas autonomías, Catalunya e Canarias, seguisen menos a tourada que a audiencia galega, quedan cun 4,6% e un 3,2%, respectivamente. Así as cousas, Galicia fica lonxe das comunidades que máis seguiron a retransmisión de La 1, La Rioja e Extremadura, ambas por riba do 35%.
Só dúas autonomías seguiron a tourada menos que Galicia
O fracaso de audiencia das touradas en Galicia non o foi tanto na media estatal onde, non obstante, a tourada tamén obtivo un discretísimo resultado, unha cota de pantalla do 10,8% que foi superada, por exemplo, polas películas do espazo Multicine que ofreceu Antena 3 na mesma franxa horaria. A falta de audiencia contrasta, así, coa aposta de TVE polas touradas, que durante a pasada semana lembraba que a súa "filosofía" é "tratar con naturalidade a festa nacional en atención á súa dimensión cultural, económica e social".
| La Rioja | 35,8 |
|---|---|
| Extremadura | 35,7 |
| Castilla y León | 26,2 |
| Navarra | 25,2 |
| Castilla La Mancha | 17 |
| Murcia | 14,5 |
| Aragón | 13,6 |
| MEDIA DO ESTADO | 10,8 |
| Andalucía | 9,9 |
| Madrid | 8,9 |
| Euskadi | 8,5 |
| Comunitat Valenciana | 7,2 |
| Cantabria | 6,9 |
| Balears | 6,3 |
| Asturias | 6,1 |
| Galicia | 4,8 |
| Catalunya | 4,6 |
| Canarias | 3,2 |