Galicia lanza o seu Movemento pola Defensa das Pensións Públicas

Representantes do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas CC-BY-NC-SA PontevedraViva

"Temos que dar a batalla polas pensións, defendelas ante os recortes e das políticas que as poñen en perigo". Así o explica José Luis Calvo, un dos voceiros do recentemente creado Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen). Ocupando un "baleiro" reivindicativo e recollendo unha "demanda" que din que era cada vez maior, un grupo de xubilados ex sindicalistas botou a andar a plataforma en varias localidades da ría de Pontevedra. O éxito de convocatoria levounos a fundar un colectivo que será presentado este mércores a nivel galego e con vocación de espallarse por todas as localidades posibles do país. 

"Temos que dar a batalla polas pensións, defendelas ante os recortes e das políticas que as poñen en perigo", di Modepen

Cangas, Redondela, Vigo, Moaña, Tui, Chapela... Varias localidades acolleron as primeiras xuntanzas dun movemento xurdido, maioritariamente, da amizade e activismo común de varias persoas. "A maioría de nós fomos sindicalistas na clandestinidade nos anos 60 e levamos toda a vida reuníndonos cada verán; ante a problemática das pensións, o ano pasado xurdiu a idea de crear algo e empezamos a traballar nesta asociación", conta Calvo, que adianta que manteñen xa contactos con outras de toda Galicia para ir aumentando as delegacións en todas as comarcas. "A resposta foi espectacular e estamos recibindo chamadas cada pouco", insiste. Polo momento, xa son arredor dun cento de persoas. 

O obxectivo, básico e fundamental, "defender as pensións públicas, que están en perigo". E facelo a través de dúas vías fundamentais: a mobilización e a concienciación. "Os recortes nas pensións hai tempo que empezaron e as perspectivas son malísimas", advirte Calvo, que lembra as previsións de recortar o 30% as pensións á altura de 2019 ou as ideas neoliberais que falan de que esta poida acabar sendo o 50% do salario do último mes cobrado. Pero non todo son previsións senón tamén realidade.

Modepen advirte das "malísimas" perspectivas das pensións e proponse defendelas a través da mobilización e da concienciación

"Vemos como se reducen e poñen en cuestión as pensións mentres se fan promesas electorais de baixadas de impostos e hai quen nin fala de como aseguralas. O tema é preocupante", continúa un dos voceiros de Modepen, que este luns durante un acto en Cangas insistía no obxectivo de "evitar acabar con pensións ridículas, que é a pretensión dos gobernos apoiados pola UE e os bancos que fomentan as pensións privadas". Os datos, na actualidade, indican que a pensión media en Galicia é a segunda máis baixa do Estado e, tal e como lembra o Movemento, un de cada tres pensionistas da provincia de Pontevedra cobra menos de 700 euros. 

Modepen ponse a andar e está convencido de vir ocupar un espazo de reivindicación que estaba "baleiro" porque "non tiña forte presenza nin en organizacións sindicais nin sociais": Ademais, convidan a todos os partidos políticos e sindicatos a unirse ás reclamacións e xa foron convidados para a charla informativa aberta ao público en Pontevedra este mércores, ás 20 horas no Centro Leste. 

O Movemento xorde para vir ocupar un espazo de reivindicación que estaba "baleiro" e convidan a partidos e sindicatos a unirse

No colectivo, avogados, ex sindicalistas, economistas e expertos nas pensións cos que Modepen intentará facer un labor "didáctico" cara á sociedade. "Estamos preparados", advirten desde un colectivo que xa mantivo contactos con outros semellantes máis veteranos noutros territorios como Catalunya á espera de decidir se se unen a unha confederación estatal do mesmo obxectivo. Ao tempo, axudan xa na recollida de sinaturas para garantir pensións dignas nun texto onde se reclama unha reforma da Constitución que exprese a prohibición de que calquera goberno poida "tocar, recortar ou privatizar o sistema público de pensións". "Hai moito que facer, pero a resposta foi espectacular; daremos a batalla", insiste Calvo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.