Galicia lidera con diferenza a insubmisión á Lomce que a Xunta atribúe ao "acoso político"

Aula nun centro galego © Xunta

A insubmisión á reválida levada a cabo por milleiros de familias en Galicia lidera, con moito, á que se deu nos outros territorios que celebran as polémicas probas esta semana (Castilla y León, La Rioja, Madrid e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla). Mentres que a propia Xunta recoñece un absentismo do 40% nas aulas de 6º de Primaria dos centros públicos, privados e concertados, as anpas e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) sitúano entre o 70 e máis do 80% tan só nos colexios públicos. Cunha segunda xornada onde o boicot tivo aínda máis éxito e fixo incrementar os pupitres baleiros, as altas porcentaxes de inasistencia contrastan co escaso número de ausentes no resto de comunidades. 

Malia a chamada ao boicot das anpas, o absentismo foi do 0,12% en Castilla y León, o 0,07% en La Rioja e do 0,3% en Madrid

Segundo datos oficiais, no primeiro día de probas en Castilla y León tan só faltaron 24 alumnos dos 20.436 convocados (o 0,12%); na Rioja, 20 de 3.116 (0,07%); e na Comunidade de Madrid, uns 200 de 66.183 (0,3%). Son cifras anecdóticas malia que a Confederación Española de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (CEAPA) recomendaba que os fillos "non se presentasen" para que "non fosen avaliados nin as probas tivesen consecuencias". En Galicia, cunha intensa campaña da comunidade educativa, o absentismo alcanzou un mínimo do 40% segundo datos oficiais e máis do dobre de ter en conta só os centros públicos e as cifras que recollen as anpas. 

"Foi un éxito total", coincidían Confapa e a Confederación de Anpas Galegas, mentres que a PGDEP cualificaba a insubmisión como "un verdadeiro éxito ao chamamento para que non se realicen estas probas  lesivas para unha educación de calidade e innecesarias e discriminatorias para o alumnado". 

As oito comunidades gobernadas polo PSOE farán a súa propia proba, ao igual que Navarra, Canarias e Catalunya; Euskadi non fará avaliación este ano

O caso é que foron as comunidades gobernadas polo PP -á espera de que Murcia realice as probas- e Ceuta e Melilla, cuxas reválidas xestiona o Ministerio de Educación, as que realizaron a reválida segundo o decreto aprobado polo Goberno central en novembro de 2015. As oito gobernadas polo PSOE (Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Balears, Castilla-La Mancha, Extremadura e Comunitat Valenciana) consensuaron un sistema de "avaliación individualizada" por parte dos propios profesores dos alumnos e non por persoal externo como marca a lei, aínda que aínda non puxeron data aos exames. 

Navarra e Canarias, pola súa banda, anunciaron que aplicarían as súas propias probas aínda que sen data fixada, mentres que Euskadi anunciou que non levaría a cabo avaliación ningunha neste curso e Catalunya decidiu continuar co seu sistema. En Galicia, tal e como aclarou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no programa Hora 25 da Cadena SER, a reválida realizouse "tal e como estaba prevista na Lomce e seguindo as pautas marcadas". 

O conselleiro de Educación culpa do alto absentismo á "campaña de acoso político á Lomce no último mes"

Nesa mesma intervención, Rodríguez foi moi duro e xustificou o alto absentismo en Galicia nunha "auténtica campaña de acoso político á Lomce e a todo o que significa no último mes". Sinalou os sindicatos e as formacións políticas da oposición por "xerar un discurso político de boicot centrado no acoso á norma" e baseado no "rexeitamento dunha parte do arco político que se infiltrou en determinadas organizacións": "Iso é difícil de contrarrestar", engadiu. 

Ademais, lamentou as "mensaxes irresponsables de líderes políticos que callaron nunha parte da sociedade", aínda que insistiu en "non reprochar nada aos pais". "Actuouse dese un punto de vista egoísta, primando máis o interese político que o das familias", continuou Rodríguez, que acusou a responsables políticos de "dir mentiras" sobre as probas de avaliación.

Rodríguez lamenta as "mensaxes irresponsables de líderes políticos que callaron nunha parte da sociedade"

O titular de Educación seguiu o discurso que xa fixera o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que apelara a que a Administración "informe mellor" das reválidas para "contrarrestar as campañas de desinformación". Román Rodríguez advertiu tamén da necesidade de informar de mellor maneira ás familias e aclarou que a ausencia dos alumnos ás probas "non terá ningunha consecuencia" para eles. 

Román Rodríguez, nun centro escolar galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.